Viveiro ofrece un curso de defensa persoal feminina para actuar ante situacións de violencia

O Concello de Viveiro organizará o vindeiro 25 de setembro un curso de defensa persoal feminina destinado a proporcionar ás participantes ferramentas e pautas de actuación ante diferentes situacións relacionadas coa violencia de xénero.
A formación desenvolverase na Casa do Forno, en Celeiro, dividida en dúas sesións: de 10.00 a 13.00 horas e de 14.00 a 20.00 horas. O curso estará impartido por persoal especialista en defensa persoal e combinará aspectos físicos e psicolóxicos.
A actividade busca que as participantes adquiran recursos que lles permitan identificar e afrontar posibles situacións de risco, establecendo pautas e protocolos de resposta. Para participar non será necesario contar cunha condición física determinada, polo que poderá anotarse calquera muller interesada. A organización recomenda acudir con roupa cómoda para realizar os exercicios prácticos.
As inscricións poderán formalizarse presencialmente na conserxería da Casa do Concello de Viveiro ou por teléfono no 982 550 421.
A iniciativa forma parte do acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para desenvolver unha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Desde o Concello animan ás mulleres do municipio a participar nesta proposta, que pretende reforzar a prevención, a sensibilización e os recursos persoais para responder ante situacións de violencia.