Viveiro mergúllase na historia das verbenas galegas cunha exposición sobre un século de orquestras

O Concello de Viveiro inaugura este martes a exposición “Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia”, unha proposta cultural que convida a facer unha viaxe pola memoria musical e festiva do país a través da evolución das orquestras galegas ao longo dos últimos cen anos.
A mostra permanecerá aberta ao público nos xardíns de Noriega Varela ata o vindeiro 9 de xuño e ofrecerá un amplo percorrido pola transformación das verbenas, desde as primeiras bandas de música e jazz bands das décadas iniciais do século XX ata os grandes espectáculos audiovisuais actuais que continúan enchendo festas populares dentro e fóra de Galicia.
O acto inaugural contará coa presenza da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; da concelleira de Cultura, Muller, Igualdade e Xuventude, Saray Ventura Fernández; da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, Verónica Santos Farto; e da comisaria bibliográfica da exposición, Elena Díaz del Río López, que será tamén a encargada de realizar unha visita guiada para as persoas asistentes.
A exposición está organizada pola Biblioteca de Galicia e conta coa comisaría de Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira. A través de fotografías, programas de festas, carteis históricos, discos de vinilo, casetes e diferentes materiais documentais pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia, a mostra permite descubrir como as orquestras e as verbenas evolucionaron co paso do tempo mantendo intacto o seu carácter popular e social.
Os contidos tamén afondan na influencia que tiveron a emigración, os intercambios culturais e os cambios musicais na transformación das festas galegas, convertendo as verbenas nun dos fenómenos culturais máis representativos da identidade colectiva do país.
Desde o Concello de Viveiro animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse aos xardíns de Noriega Varela durante as próximas semanas para coñecer unha exposición que recupera recordos compartidos arredor da música, das festas e dos encontros populares que marcaron varias xeracións.