Viveiro logra 320.000 euros para avanzar na reforma da súa Praza de Abastos

AMariñaXa
O proxecto de rehabilitación do histórico mercado, cun investimento global de máis de 768.000 euros, contará con financiamento plurianual e novas vías de apoio institucional
Praza-Abastos-Viveiro
2 Mar 2026

O Concello de Viveiro vén de recibir unha resolución favorable da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se lle concede unha subvención de 320.000 euros destinada á reforma integral da Praza de Abastos municipal. A achega encádrase no programa autonómico orientado á creación dunha rede de mercados excelentes en Galicia e á revitalización destes espazos tradicionais.

Segundo recolle a resolución, a contía distribuirase en dúas anualidades de 160.000 euros nos exercicios 2026 e 2027. A intensidade do financiamento acadará o 80 % sobre un investimento subvencionable de 200.000 euros en cada anualidade, o que permitirá avanzar de maneira significativa nun proxecto considerado prioritario polo goberno local.

A actuación prevista para a Praza de Abastos conta cun orzamento total estimado de 768.068,68 euros. Co obxectivo de completar o financiamento necesario, o Concello está á espera tamén da resolución da solicitude presentada ao GALP A Mariña-Ortegal, por importe de 200.000 euros. Ademais, nos últimos días formalizouse unha petición de apoio económico ante a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, dado que a entidade municipal non pode asumir en solitario o custo total da intervención.

No escrito remitido ao organismo provincial, o executivo local subliña o valor histórico e arquitectónico do edificio. A Praza de Abastos de Viveiro foi inaugurada en 1925 e deseñada polo arquitecto Ricardo García Puig. Trátase dun dos mercados máis antigos de Galicia e destaca pola súa singular tipoloxía vinculada á venda de peixe, reflexo da tradición mariñeira da vila.

Situada no casco histórico, a praza constitúe un dos inmobles máis emblemáticos do municipio, tanto polo seu interese patrimonial como pola súa función comercial e social. O Concello considera que a súa modernización e posta en valor resultan fundamentais para fortalecer o tecido económico local e dinamizar a actividade no centro urbano.

Desde a administración municipal sinalan que esta resolución representa un paso decisivo para impulsar a rehabilitación dun espazo de identidade colectiva, chamado a converterse nun mercado renovado, máis atractivo e adaptado ás necesidades actuais, sen renunciar ao seu carácter histórico.

0.099567890167236