Viveiro inicia a renovación da estrada das Nogueiras para mellorar a seguridade e os accesos a San Roque

O Concello de Viveiro puxo en marcha as obras de acondicionamento da estrada das Nogueiras, unha actuación destinada a modernizar un dos accesos cara a San Roque e a mellorar a comunicación cos núcleos de San Lázaro, Pénjamo e Santo Albites. O proxecto execútase ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia, cun investimento de 120.000 euros, e abrangue o tramo comprendido entre a contorna da gasolineira e o cruzamento de Santo Albites.
Os traballos comezaron coa poda e retirada das árbores situadas nas marxes da vía, unha intervención necesaria para recuperar anchura na calzada e facilitar tanto o cruzamento de vehículos como o acceso ás vivendas da zona. Segundo o Concello, a presenza da vexetación limitaba a circulación e dificultaba a mobilidade nun punto de uso frecuente.
A actuación permitirá ampliar a estrada, renovar o firme e mellorar os accesos aos distintos núcleos, ademais de incorporar novas redes de abastecemento de auga e saneamento ao longo do trazado. Desta forma, a intervención combinará a mellora da seguridade viaria coa actualización das infraestruturas básicas.
Outro dos obxectivos do proxecto é garantir unha resposta máis rápida dos servizos de emerxencia. Un informe dos Bombeiros advertiu das dificultades que presentan actualmente os vehículos para acceder a Santo Albites en caso de incendio, unha situación que se pretende resolver coa ampliación da vía.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que, unha vez rematadas as obras, plantaranse especies autóctonas de menor porte para conservar o valor ambiental das Nogueiras sen comprometer a seguridade da circulación. A rexedora subliñou tamén a importancia deste espazo para a vida social e cultural de Viveiro, xa que acolle celebracións tradicionais como a sardiñada das Nogueiras.