Viveiro, escenario da VIII Carreira Popular en homenaxe a Adrián Ben
O Concello de Viveiro acollerá o día 8 de agosto, xoves, a VIII Carreira Popular de Viveiro #TodosConAdry, que servirá para homenaxear ao atleta Adrián Ben no marco das Olimpíadas de París 2024. O día 8, desde ás 20.00 horas na praza Maior, celebraranse as carreiras nas categorías Pitufos (2017 e posteriores); Sub10 (2015-2016); Sub12 (2013-2014); Sub16 (2009-2010); Sub14 (2011-2012), e Absoluta (2008 e anteriores).
A alcaldesa, María Loureiro, convida á veciñanza “a participar neste evento, que conta con categorías para todas as idades co obxectivo de promover o deporte para toda a familia”. Loureiro quixo desexar “todos os éxitos a Adrián Ben nesta nova cita olímpica, na que de seguro fará, como sempre, unha actuación espectacular”. Os interesados poden solicitar máis información na web e facer as inscricións a través de ccnorte.