Viveiro dá un novo paso cara á aprobación do PXOM coa chegada da Memoria Ambiental

O Concello de Viveiro continúa avanzando na tramitación do seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un proceso que deu esta semana un paso importante coa chegada da Memoria Ambiental, documento clave dentro do procedemento urbanístico.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, expresou a súa satisfacción por este avance e lembrou que “é un paso máis cara a ese Plan Xeral polo que este goberno leva apostando desde a súa chegada á Alcaldía”. A rexedora subliñou que o Concello “segue progresando con firmeza nun proxecto fundamental para o futuro urbanístico de Viveiro”.
Na actualidade, a Memoria Ambiental está a ser analizada polo equipo redactor OTEA, encargado de incorporar as puntualizacións formuladas pola Consellería de Medio Ambiente. Unha vez completadas as correccións, o documento pasará a recibir os informes técnicos preceptivos de diferentes departamentos municipais: Intervención, Secretaría, Arquitectura e Asesoría Xurídica de Urbanismo.
“Se todos estes informes son favorables, o seguinte paso será levar o PXOM a Pleno para acadar a tan esperada aprobación provisional”, explicou Gueimunde, quen fixo fincapé na importancia de continuar o proceso con transparencia e diálogo.
A alcaldesa adiantou tamén que o equipo redactor prevé rematar as correccións antes de finais de 2025, co obxectivo de que o documento poida ser sometido a aprobación provisional no primeiro trimestre de 2026. “Unha vez que os técnicos municipais estuden e valoren o que acabamos de recibir, convocaremos unha Xunta de Voceiros para explicar todos os detalles e resolver as dúbidas que poidan ter os grupos municipais”, engadiu.
Con este novo avance, o Concello de Viveiro consolida un proxecto que, segundo o goberno local, “marcará o crecemento ordenado e sostible do municipio para as próximas décadas”.