Viveiro convoca unha andaina de dez quilómetros contra a violencia de xénero

Viveiro acollerá o sábado 21 de novembro unha andaina de dez quilómetros para reivindicar unha sociedade libre de violencia machista e avanzar cara á igualdade. A actividade, denominada Ruta dos Bancos Violetas, está organizada por BUMEI Galicia en colaboración co Concello de Viveiro.
A convocatoria pretende converter o percorrido nunha acción colectiva de sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres, ao tempo que busca dar visibilidade ao compromiso social coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
A saída está prevista para as 9.30 horas desde a Praza da Habana, xunto ao banco violeta. A organización anima a participar tanto a mulleres como a homes e destaca o valor de sumar esforzos para defender a igualdade e combater a violencia machista.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través do formulario habilitado pola organización. Tamén poden solicitar información ou resolver dúbidas no teléfono 609 837 645 ou no correo electrónico bumei@bumeigalicia.com.