Viveiro convoca o V Concurso de Marchas Procesionais Blas García Liz, dotado con 2.000 euros

AMariñaXa
Os compositores poderán presentar as súas obras ata o 15 de xaneiro de 2027 e a peza gañadora recibirá un premio de 2.000 euros antes de impostos
concurso-marcha-procesionais-viveiro-2027
10 Nov 2026

A Semana Santa de Viveiro volverá apostar pola creación musical coa convocatoria dunha nova edición do Concurso de Marchas Procesionais Blas García Liz, que en 2027 alcanzará a súa quinta edición. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Viveiro e da Xunta de Confrarías da Semana Santa.

O certame busca ofrecer un espazo para que compositores e músicos poidan dar a coñecer o seu talento e contribuír ao enriquecemento do patrimonio musical vinculado ás celebracións da Semana Santa. A organización destaca o valor artístico e solemne das marchas procesionais, así como a súa relación coa tradición e a devoción que forman parte da cultura local.

A obra que resulte gañadora recibirá un premio de 2.000 euros, antes de impostos. As persoas interesadas en participar terán de prazo ata o venres 15 de xaneiro de 2027, ás 23.59 horas, para enviar as súas composicións.

As propostas deberán remitirse ao enderezo electrónico composicionblasgarcializ@gmail.com. As bases completas do concurso poderán consultarse proximamente a través das redes sociais da organización.

A convocatoria está impulsada pola Banda de Música O Landro de Viveiro, coa colaboración do Concello e da Xunta de Confrarías, co obxectivo de seguir promovendo a composición de novas marchas procesionais e a súa achega á tradición musical da Semana Santa viveirense.

0.16236710548401