Viveiro conmemorará o 25N cunha andaina e actividades na Pista Violeta

AMariñaXa
As propostas desenvolveranse os días 21 e 25 de novembro coa colaboración de Bumei Galicia, centros educativos e entidades deportivas
banco-violeta-Viveiro-2022
19 Nov 2026

O Concello de Viveiro prepara dúas actividades para sumarse á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A programación inclúe unha andaina de dez quilómetros e unha xornada de iniciativas culturais e deportivas na Pista Violeta, co obxectivo de implicar a veciñanza e diferentes colectivos do municipio.

A primeira convocatoria será o sábado 21 de novembro coa Andaina contra a Violencia de Xénero: Ruta dos Bancos Violetas, organizada conxuntamente polo Concello e Bumei Galicia. Baixo o lema "Xuntas e xuntos somos máis fortes", a marcha terá un percorrido de dez quilómetros.

A saída está fixada para as 9:30 horas desde o Banco Violeta do paseo marítimo da Variante. A ruta rematará no paseo marítimo de Covas, na zona dos Castelos. Ao finalizar, as persoas participantes poderán compartir uns petiscos.

A segunda cita terá lugar o mércores 25 de novembro na Pista Violeta, situada xunto ao Banco Violeta do paseo marítimo da Variante. Entre as 16:00 e as 17:30 horas desenvolverase un programa que combinará a lectura do manifesto institucional do 25N con actividades musicais e deportivas.

A parte musical correrá a cargo de School of Rock, formación integrada por alumnas do CEP Lois Tobío. Tamén tomarán parte na xornada as xogadoras do Viveiro Club Baloncesto e as deportistas do Club Ximnasia Viveiro, que realizarán os seus adestramentos neste espazo.

Se as condicións meteorolóxicas non permiten celebrar as actividades ao aire libre, a programación do día 25 trasladarase ao Pavillón Municipal.

O Concello anima a cidadanía a participar nas dúas propostas e a implicarse nesta xornada de sensibilización e reivindicación contra a violencia exercida sobre as mulleres.

0.14627289772034