Viveiro comeza os primeiros estudos para mellorar a rede de abastecemento nas parroquias

Os primeiros estudos comezarán en Galdo e servirán para definir actuacións e preparar proxectos cos que optar ás liñas de financiamento previstas para 2027
O Concello de Viveiro iniciou os traballos para coñecer con detalle o estado das infraestruturas de abastecemento de auga nas parroquias e determinar onde é necesario ampliar ou completar as redes existentes. Os estudos comezarán en Galdo e estenderanse progresivamente ao resto do municipio.
As actuacións permitirán localizar as infraestruturas que xa existen e que poden ser habilitadas, así como identificar os puntos nos que actualmente non hai rede de abastecemento e sería necesario executar novos tramos ou conexións.
En Galdo realizarase unha primeira análise das necesidades da parroquia e das posibilidades de conexión e ampliación da rede actual. A partir dos resultados, o Concello poderá definir as intervencións necesarias e elaborar os proxectos e as valoracións económicas correspondentes.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, sinala que “o obxectivo é facer un traballo ordenado e con visión de futuro, coñecendo primeiro cal é a situación real en cada parroquia para poder definir as actuacións que son necesarias, elaborar os proxectos e contar tamén coas valoracións económicas correspondentes”.
O Concello pretende ademais adiantar a preparación destas actuacións para que os proxectos e os seus orzamentos estean dispoñibles cando se convoquen diferentes liñas de subvención ou financiamento para 2027. “Queremos aproveitar todas as oportunidades de financiamento que existan para seguir mellorando os servizos básicos nas parroquias. Para iso é fundamental ter os deberes feitos, saber onde están as necesidades e contar cos proxectos preparados”, explica Gueimunde.
Os estudos iranse realizando de maneira progresiva nas diferentes parroquias, establecendo as prioridades segundo as necesidades detectadas, as posibilidades técnicas e as vías de financiamento existentes.
A alcaldesa resume o obxectivo desta planificación sinalando que “falamos dunha planificación que vai máis alá dunha actuación puntual. Queremos ir avanzando parroquia a parroquia para mellorar as infraestruturas de abastecemento e dar resposta ás necesidades da veciñanza tamén no rural”.