Viveiro celebrará o Samaín co espectáculo infantil 'Quen dixo medo?' de Barafunda

Viveiro acollerá o vindeiro sábado, 31 de outubro, o espectáculo infantil Quen dixo medo?, da compañía Barafunda, unha proposta de animación inspirada nas historias da noite do Samaín. A representación comezará ás 18.00 horas no Teatro Pastor Díaz e terá unha duración aproximada de 50 minutos.
A actividade está pensada para o público infantil, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, e combina humor, música, movemento e xogos interactivos para achegar os máis pequenos á tradición do Samaín dun xeito lúdico e participativo.
O espectáculo presenta dous personaxes que protagonizan unha terrorífica sesión de sorrisos na que os nenos e nenas poderán bailar, xogar e converterse en auténticos monstros. A proposta inclúe xogos musicais, globos e actividades interactivas, nun ambiente festivo no que o medo se transforma en diversión.
A obra está escrita por Manuel Castro Lima e Francisco Javier Fernández Fernández, que tamén se encarga da escenografía, mentres que a dirección corre a cargo de Manuel Castro Lima. O deseño de son é de Fausto Domínguez Camaño, o vestiario de María Chapela González e a música de Gael Fernández Castro. O elenco artístico está formado por Manuel Castro Lima e Nair Romero Campo.
A representación forma parte da programación cultural de Viveiro e da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), que achega propostas escénicas a diferentes públicos e espazos culturais de Galicia.