Viveiro celebra o Magosto con obradoiros artesanais, música tradicional e castañas asadas

AMariñaXa
A Praciña da Herba acollerá o 31 de outubro actividades de cerámica e elaboración de zonchos, ademais das actuacións das Pandeireteiras da Sementeira e Fol do Raxal
magosto-castañas-recurso
21 Oct 2026

Viveiro celebrará o vindeiro 31 de outubro unha nova edición do Magosto cunha programación que combinará artesanía, música tradicional e gastronomía popular. A iniciativa, organizada polo Colectivo Pensamento e Sementeira, desenvolverase na Praciña da Herba e incluirá tamén o reparto de castañas asadas ata fin de existencias.

A xornada contará con dous obradoiros con prazas limitadas. O de cerámica celebrarase entre as 17:00 e as 21:00 horas e permitirá experimentar coa arxila baixo o asesoramento de Alfonso Otero Regal, de Regal Cerámica, no seu obradoiro situado na curva de Xunqueira, en Viveiro.

Pola súa banda, o obradoiro infantil de zonchos terá lugar no baixo da Biblioteca Municipal, de 19:30 a 20:30 horas. A actividade estará centrada na elaboración destes tradicionais colares feitos con castañas.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros deberán inscribirse previamente a través dos formularios dispoñibles nas redes sociais do Colectivo Pensamento e Sementeira.

A música tradicional tomará o relevo a partir das 21:00 horas coas actuacións das Pandeireteiras da Sementeira e de Fol do Raxal. A programación busca promover a cultura galega e ofrecer un espazo de encontro para a veciñanza arredor dunha das celebracións máis características do outono.

0.1484899520874