Viveiro busca voluntarios para apoiar a menores con dificultades durante o curso escolar

AMariñaXa
A iniciativa está destinada a menores en situación de desvantaxe social e desenvolverase os luns e mércores no Centro de Servizos Sociais
concello-de-viveiro-casa-consistorial-2022
22 Sep 2026

A Oficina Municipal de Voluntariado de Viveiro abriu a procura de persoas voluntarias para colaborar no 'Proxecto de reforzo educativo, lecer e tempo libre' durante o curso 2026/2027, unha iniciativa coa que se pretende acompañar a menores en idade de escolarización obrigatoria que se atopan en situación de desvantaxe social.

O programa busca ofrecer apoio nas materias básicas, afianzar os coñecementos adquiridos nas aulas e contribuír ao desenvolvemento das competencias educativas, sociais e relacionais dos nenos e nenas participantes.

Para levar adiante este labor, o Concello fai un chamamento á veciñanza que queira compartir os seus coñecementos e dedicar parte do seu tempo ao acompañamento educativo dos menores. As persoas voluntarias encargaranse de prestar apoio nas actividades de reforzo e de motivar ao alumnado durante o proceso de aprendizaxe.

Non se establece unha dedicación fixa para participar, xa que a colaboración será flexible e adaptarase á dispoñibilidade de cada voluntario. Desde o Concello sinalan que se buscan principalmente persoas con empatía, paciencia e compromiso.

As actividades desenvolveranse os luns e mércores, entre as 16.00 e as 20.00 horas, no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, situado na avenida de Cervantes.

As persoas interesadas poden contactar coa Oficina Municipal de Voluntariado nos teléfonos 982 550 421 e 604 046 956, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas, ou escribir ao correo electrónico voluntariado@viveiro.gal. Tamén está dispoñible o formulario de participación na web municipal de Viveiro.

O Concello anima á cidadanía a implicarse nun programa que pretende reforzar as oportunidades educativas e favorecer a integración social dos menores que máis apoio precisan, ao tempo que promove a participación e o voluntariado entre a veciñanza.

0.14266705513