Viveiro busca voluntariado para un programa educativo e de lecer

AMariñaXa
O Concello impulsa unha iniciativa solidaria para os meses de verán con recoñecemento académico a través das universidades galegas
2025-VOLUNTARIADO-CONCELLO-DE-VIVEIRO
18 Jun 2025

O Concello de Viveiro, a través da Oficina Municipal de Voluntariado dependente do Centro de Servizos Sociais, lanza un chamamento á cidadanía para participar no “Proxecto de reforzo educativo, lecer e tempo libre”, unha iniciativa que se levará a cabo durante os meses de xullo e agosto e que está dirixida a menores en situación de vulnerabilidade social.

O obxectivo principal do proxecto é prestar apoio académico e ofrecer actividades lúdicas a nenos e nenas en idade de escolarización obrigatoria que manteñen un seguimento dende os Servizos Sociais municipais.

A participación está aberta a todas as persoas interesadas en colaborar de forma altruísta, se ben valorarase positivamente a formación ou experiencia nos ámbitos educativo e social.

Ademais, o Concello recorda que ten asinados convenios de colaboración coa Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, grazas aos cales as persoas voluntarias poderán obter certificacións de créditos ECTS equivalentes ao número de horas de participación no proxecto.

As persoas interesadas poden informarse ou inscribirse contactando co Centro de Servizos Sociais de Viveiro, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, chamando aos teléfonos 982 550 421 ou 604 046 956, ou enviando un correo electrónico a mli.voluntariado@viveiro.es.

⚙ Configurar cookies
0.16720390319824