Viveiro avanza nas obras do Parque Pernas Peón con novas plantacións e melloras na accesibilidade
A Concellería de Obras e a Concellería de Medioambiente do Concello de Viveiro informan de que as obras no Parque Pernas Peón avanzan a bo ritmo, grazas á subvención de 105.897,25 euros recibida de fondos europeos.
A tenenta de alcaldesa e concelleira responsable destas áreas, Míriam Bermúdez, destacou que o proxecto ten como obxectivo principal "mellorar a accesibilidade e naturalizar o parque, integrándoo coa contorna natural da praia de Covas". Entre as actuacións realizadas, destaca a nova plantación de árbores, arbustos e vivaces para aumentar a biodiversidade e embelecer o espazo.
As novas plantacións inclúen especies como liquidambar styraciflua, fraxinus ornus, tipuana tipu, acer rubrum, erytrina crista-galli e Sorbus aucuparia. Tamén se plantarán 155 arbustos e 441 vivaces. Ademais, a intervención implica a eliminación de árbores enfermas e a retirada de tocos, así como unha parte do muro que delimita a zona norte do parque para mellorar o acceso á praia de Covas.
O proxecto tamén contempla a creación dun paso de peóns elevado, a pavimentación dos accesos ao restaurante e aseos públicos e a construción dunha beirarrúa de 3 metros de ancho para mellorar a accesibilidade no parque.
Bermúdez subliñou que "a nova beirarrúa mellorará considerablemente a accesibilidade, permitindo que todas as persoas poidan desfrutar deste espazo público sen limitacións". As actuacións, financiadas nun 90% polos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, avanzan conforme ao prazo previsto, co obxectivo de transformar o Parque Pernas Peón nun espazo máis natural, accesible e diversificado.