Viveiro aposta pola diversidade e a tradición nas Festas Patronais 2025

O Concello de Viveiro vén de anunciar a programación íntegra das Festas Patronais 2025, que se celebrarán entre o 6 e o 21 de agosto, cun abano de actividades dirixidas a públicos de todas as idades. Música, deporte, tradición, gastronomía e inclusión mestúranse nunha proposta ambiciosa que busca converter a vila nun espazo de encontro e celebración.
Un dos elementos máis novidosos deste ano será a participación do Resurrection Fest na axenda oficial, achegando o seu espírito alternativo á Praza Maior o mércores 13 de agosto, coa actuación das bandas «Not Yet» (22.00 h) e «No Fun At All» (23.15 h).
A oferta musical abrangue desde verbenas populares, con orquestras como Suavecito, SuperTop ou Escaparate, ata concertos de artistas recoñecidos como Azúcar Moreno e grupos locais como A Trova da Mariña, o Dúo Vivarium ou Escolma.
No ámbito da música clásica e coral destacan o XXXIX Festival de Música Coral, organizado pola Coral Polifónica de Viveiro, e o XII Festival Bal y Gay, que achegará ao Teatro Pastor Díaz un recital do barítono Borja Quiza, acompañado da soprano Andrea Rey e o pianista Javier Carmena.
O aspecto máis tradicional das festas manterase intacto, con pasarrúas de xigantes e cabezudos en compañía do grupo Bágoas da Terra, sesións vermú a cargo de formacións locais, espectáculos de maxia e teatro, presentacións literarias, proxeccións fotográficas e o pregón oficial. Este terá lugar o 14 de agosto ás 19.30 horas na Praza Maior e será pronunciado polo atleta olímpico e fillo predilecto de Viveiro, Adrián Ben.
Un dos momentos máis emblemáticos será a subida ao Monte San Roque o sábado 16 de agosto, cunha misa na capela ás 10.00 horas e acompañamento musical de Bágoas da Terra.
Este ano, o programa fai unha aposta decidida pola inclusión coa celebración do Día da Cativada o 18 de agosto, entre as 17.00 e as 18.00 horas nos Xardíns Noriega Varela. O espazo estará adaptado para nenos e nenas con diversidade funcional, con actividades sen música nin colas. Ao longo de toda a semana, a infancia tamén será protagonista con obradoiros, xogos tradicionais, contacontos e outras actividades lúdicas en diversos puntos da vila.
A dimensión cultural das festas complétase coa Feira do Libro (do 12 ao 15 de agosto), a Feira de Artesanía (do 8 ao 17) e a Mostra Folklórica Popular Internacional de Viveiro, que se desenvolverá do 5 ao 10 de agosto con representacións de diversos países.
A gastronomía tamén terá o seu oco cunha sardiñada popular o día 17 e actividades participativas como unha ruta en kayak e o tradicional xantar veciñal en Portochao.
No plano deportivo, organizaranse eventos como o Memorial Tarrío e o Trofeo Cidade de Viveiro de fútbol, o XLVII Trofeo de Tiro Olímpico Concello de Viveiro, unha exhibición do Club Ximnasia Viveiro e a quinta edición da Regata Provincial de Piragüismo.
A alcaldesa Mariña Gueimunde quixo poñer en valor o traballo realizado pola organización, así como o carácter diverso e accesible das festas:
«Con estas Festas Patronais queremos construír un Viveiro aberto, diverso e dinámico, que conserve a súa identidade cultural pero que tamén mire cara ao futuro. Apostamos por unha programación ampla, que atenda os gustos e necesidades de toda a veciñanza, sen esquecer o público máis novo nin as persoas con diversidade funcional. A colaboración co Resurrection Fest simboliza esa vontade de conectar distintas sensibilidades e de aproveitar o noso potencial como referente cultural e turístico. Agradecemos a implicación de todas as entidades e colectivos que fan posibles estas festas, que desexamos que sexan un tempo de encontro, alegría e participación para todas e todos».
A organización das Festas Patronais corre a cargo do Concello de Viveiro e da Comisión Viveiro en Festas, coa colaboración de múltiples asociacións culturais, deportivas e sociais. O programa completo pode consultarse nos espazos municipais e nas redes sociais oficiais da institución local.