Viveiro amplía as actividades para as persoas maiores con un torneo de tute

O Concello de Viveiro ampliará nos próximos meses a programación de actividades destinada ás persoas maiores coa incorporación de novas propostas vinculadas ao programa de bailes de tarde. A iniciativa dáse a coñecer con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este xoves 1 de outubro, e incluirá como principais novidades un torneo de tute por parellas e a creación dun espazo aberto para diferentes xogos de mesa.
O torneo de tute desenvolverase ao longo da tempada de bailes, prevista entre os meses de outubro e marzo, cunha xornada cada mes. A duración definitiva da competición e o calendario dependerán do número de parellas que se inscriban e do nivel de participación que se acade na convocatoria.
O novo espazo de xogos terá un carácter máis amplo e non estará limitado ás partidas correspondentes ao torneo. As persoas que se acheguen poderán participar libremente en partidas de tute ou optar por outras alternativas, como o parchís e diferentes xogos de mesa.
A proposta estará aberta a toda a cidadanía, co obxectivo de facilitar tamén a participación de persoas de distintas idades e favorecer o encontro e a convivencia arredor destas actividades.
Unha vez rematado o torneo, o Concello de Viveiro avaliará o desenvolvemento da iniciativa e estudará a posibilidade de manter o espazo dispoñible para que as persoas interesadas poidan continuar reuníndose e xogando de maneira libre.
As novas actividades incorporaranse ao programa "Viveiro baila", que retomará este sábado 3 de outubro a súa programación. A primeira cita da nova tempada será ás 19.00 horas no salón de actos do Conservatorio de Viveiro, coa actuación do Dúo Miami.
A programación continuará o 31 de outubro co Dúo Caramelo. O 28 de novembro será a quenda do Dúo Mar Dávila, mentres que o 20 de decembro actuará o Dúo Dilema. As restantes datas correspondentes á tempada serán comunicadas posteriormente.
Con estas incorporacións, o Concello de Viveiro amplía as alternativas de ocio asociadas ao programa destinado ás persoas maiores, que mantén os tradicionais bailes de tarde e suma agora novas posibilidades de participación, encontro e entretemento a través dos xogos de mesa.