Viveiro acollerá un acto de homenaxe a Moncho Reboiras no 50 aniversario do seu asasinato

AMariñaXa
A Biblioteca Municipal será escenario da presentación dunha publicación que repasa a vida e o legado do histórico militante galego, vítima da represión franquista
Viveiro-homenaxe-a-Moncho-Reboiras-2026
28 Jul 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizará este xoves, 30 de xullo, en Viveiro un acto dedicado á memoria de Moncho Reboiras coincidindo coa conmemoración do cincuenta aniversario do seu asasinato. A iniciativa pretende divulgar a figura do histórico militante nacionalista e lembrar o seu papel na loita política e social durante os últimos anos da ditadura franquista.

O encontro terá lugar ás 19.30 horas na Biblioteca Municipal de Viveiro e xirará arredor da presentación do libro "50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025", unha publicación promovida pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo dentro do programa de actividades impulsado para conmemorar esta efeméride.

A obra, coordinada por Suso Seixo, Rubén Cela e Roberto Vilameá, reúne unha ampla visión sobre a traxectoria persoal e política de Reboiras. O volume inclúe unha biografía elaborada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, numerosos artigos de persoas que compartiron con el militancia e compromiso ideolóxico, ademais dunha selección das creacións artísticas realizadas para a exposición "Moncho Reboiras. Semente de Vencer".

No acto participarán Francisco Luis R. Guerreiro, compañeiro de militancia de Moncho Reboiras, e Francisco Rodríguez, presidente da Fundación Terra e Tempo, que ofrecerán unha reflexión sobre a figura do homenaxeado e a súa influencia no nacionalismo galego.

Con esta iniciativa, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo súmase ás accións desenvolvidas durante o último ano por distintas institucións para preservar a memoria de Moncho Reboiras, considerado a última persoa asasinada polo franquismo en Galicia e unha das figuras máis relevantes na organización do movemento nacionalista galego nos ámbitos político, sindical e estudantil durante a primeira metade da década de 1970.

0.12240600585938