Viveiro acolle unha nova edición da XXV Carreira Popular
O CD Egovarros presenta a nova edición da Carreira Popular Concello de Viveiro, organizada polo club co apoio do Concello, da Deputación de Lugo e de diversas entidades deportivas. A XXV Carreira Popular terá lugar en Viveiro o domingo, día 29 de decembro, a partir das 16.00 horas. A alcaldesa María Loureiro participou na presentación xunto a representantes do club.
Haberá diferentes categorías: sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, adultos feminina e adultos masculina. Estas dúas últimas contarán con primeiro, segundo e terceiro premio, mentres que as categorías infantís non serán competitivas, habendo medallas para toda a cativada participante. Ao finalizar a proba realizaranse diversos sorteos entre os participantes.
As inscricións na carreira realizaranse na páxina web de Carreras con Encanto, no enderezo www.carrerasconencanto.com. Ademais do Concello de Viveiro e a Deputación, colaboran co Club Deportivo Egovarros na organización do evento a Asociación Deportiva e Cultural Alboi, o Club Ciclista Viveiro, o Club Atletismo Ría de Foz e a Escola de Rugby Asterix.