Viveiro acolle un obradoiro gratuíto para aprender a detectar noticias falsas e combater a desinformación

Viveiro será unha das localidades lucenses que acollerá o programa de obradoiros contra a desinformación impulsado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A cita será o xoves 10 de setembro, ás 20.00 horas, no Salón Multiusos da Casa do Concello, e estará especialmente dirixida á poboación adulta.
A actividade busca proporcionar ferramentas prácticas para afrontar a crecente circulación de contidos falsos ou enganosos, fomentar un consumo crítico da información e facilitar a identificación de fontes e contidos xornalísticos fiables.
O obradoiro será impartido pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información e con experiencia profesional en El Progreso, Diálogos Comunicación e Acedis Formación. Conta tamén con experiencia docente en materia de igualdade e en accións formativas destinadas a persoas desempregadas.
Abuín, ao igual que o resto de profesionais encargados de desenvolver o programa, recibiu formación específica en alfabetización mediática para trasladar aos participantes estratexias que permitan recoñecer e frear a desinformación.
A participación será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala e non será necesario realizar unha inscrición previa.
PENSAMENTO CRÍTICO. A iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pretende estender entre a poboación adulta unha formación que a entidade leva anos desenvolvendo no ámbito escolar. O obxectivo é reforzar a capacidade da cidadanía para analizar criticamente a información que recibe e evitar tanto caer en noticias falsas como contribuír involuntariamente á súa difusión.
O programa percorrerá unha vintena de municipios da provincia, entre eles varios da Mariña. Ademais de Viveiro, os obradoiros chegarán a Barreiros, Burela, Foz e Trabada, xunto con Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada e Vilalba.
As sesións serán impartidas por profesionais do xornalismo que recibiron preparación específica nesta materia. O proxecto conta co financiamento da Deputación de Lugo.