Viveiro acolle o vindeiro 14 de maio unha das tres rutas polo románico
O Concello de Viveiro forma parte do programa Rutas polo Románico da Provincia de Lugo que organiza a Deputación. Por terceiro ano, esta iniciativa programa actividades gratuítas con motivo do Día da Transrománica que se celebra o día 9 de maio.
Viveiro está incluída na ruta guiada do domingo 14 de maio que comeza a 10.30 horas percorrendo o románico de Sober, visitando ás 11.00 horas Santa María de Meira e ás 16:30 horas o románico do Lugo rural e Guntín. Dende as 17.00 horas a visita centrarase nos tempos dourados de Afonso IX e nos vestixios medievais do Reino de Galicia que aínda conserva a vila.
Cada un dos itinerarios do programa conta cun máximo de 25 prazas.
“Con estas iniciativas estamos a por en valor o noso rico patrimonio cultural e artístico, e demostramos que Viveiro é un exemplo á hora de conservar e coidar o noso legado histórico ”, subliña a alcaldesa de Viveiro María Loureiro.
As inscricións poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende este mesmo venres, 28 de abril, ata completar o aforo.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982 260 011 e 982 260 234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org
A Deputación de Lugo ingresou no 2020 na Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo.
A Ruta está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas.
PROGRAMACIÓN
Sábado, 6 de maio
- 10:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Antas de Ulla.
- 10:30 horas. Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.
- 16:30 horas. O románico de Taboada.
- 16:30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso
Domingo, 7 de maio
- 10:30 horas. Pantón: A ruta do monacato feminino.
- 11:00 horas. O románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
- 16:30 horas. Sarria: o románico no Camiño Francés.
- 16:30 horas. O Saviñao: románico con vistas ao Miño.
Martes, 9 de maio (Día da Transrománica)
- 11:00 horas. A Catedral de Lugo e a o burgo medieval.
Sábado, 13 de maio
- 10:30 horas. O románico en Chantada.
- 10:30 horas. Monforte na historia.
- 16:30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel.
Domingo, 14 de maio
- 10:30 horas. O románico de Sober.
- 11:00 horas. Santa María de Meira.
- 16:30 horas. O románico do Lugo rural e Guntín.
- 17:00 horas. Os tempos dourados de Afonso IX. Visita a unha importante vila medieval do Reino de Galicia: Viveiro.