Viveiro acolle a proxección de 'Crónicas dun non', un documental sobre o movemento da insubmisión

AMariñaXa
A película de Fernando Rodríguez Gómez, coñecido como Peñaño, repasará a loita contra o servizo militar obrigatorio e contará coa participación do director nun coloquio posterior
cronicas-dun-non-militar
10 Nov 2026

O Foro Social da Mariña organiza este xoves, 12 de novembro, en Viveiro a proxección do documental 'Crónicas dun non', dirixido por Fernando Rodríguez Gómez, coñecido como Peñaño. A sesión comezará ás 20.00 horas na sala multiusos do Concello e rematará cun coloquio no que intervirá o propio realizador.

A película recupera a historia do movemento da insubmisión en Galicia a través da experiencia persoal do seu director, que foi detido en 1989 por negarse a incorporarse ao servizo militar obrigatorio. Rodríguez Gómez permaneceu en prisión preventiva e posteriormente foi xulgado e condenado a un ano de cadea por esta decisión.

O documental aborda tamén as vivencias doutras persoas que participaron nas mobilizacións desenvolvidas en Galicia contra a mili e a prestación social substitutoria (PSS). A través destes testemuños, a obra reconstrúe unha etapa de protesta e desobediencia civil que contribuíu á desaparición do servizo militar obrigatorio.

O movemento da insubmisión xurdiu no Estado español en 1989. Durante os doce anos seguintes, numerosos mozos negáronse a cumprir tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, mantendo unha confrontación co Estado mediante a desobediencia civil. A súa reivindicación non se limitaba ao rexeitamento da mili, senón que tamén defendía a construción dun modelo de sociedade máis xusto.

Ademais de recuperar esta memoria colectiva, 'Crónicas dun non' propón unha reflexión sobre a capacidade da cidadanía para impulsar transformacións sociais e políticas mediante a participación e a acción colectiva. O encontro de Viveiro permitirá afondar nestes aspectos nunha conversa co director tras a proxección.

⇒ENTREVISTA A FORO SOCIAL A MARIÑA

 

0.17792892456055