Viveiro acolle a 15ª edición da Carreira de Montaña CAMOVI con máis de 1.000 participantes

Viveiro prepárase para vivir o 18 e 19 de abril a 15ª edición da Carreira de Montaña Montes de Viveiro-CAMOVI, un evento que combina deporte e turismo nunha proposta integral para potenciar o destino e dinamizar a economía local. A presentación oficial tivo lugar esta mañá coa presenza de Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, acompañado por Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo. Merelles resaltou que “os eventos deportivos concentran un importante poder de convocatoria para o turismo”, destacando que o turista deportivo gasta de media 119,5 euros por persoa e día, cifra que o sitúa como o segundo segmento máis rendible despois do turismo de congresos e feiras.
CAMOVI naceu co obxectivo de percorrer todos os montes que rodean o Val do Landro e, desde 2016, forma parte da Copa de España de Carreiras de Montaña. Ao longo das súas edicións, o evento reuniu unha media de 1.000 participantes, contribuíndo á desestacionalización e á distribución territorial da oferta turística na Mariña. Este ano contarán tamén con corredores de distintas zonas de España e dun grupo procedente de Portugal.
A programación divide o evento en dúas xornadas: o sábado 18 celebrarase a andaina e as carreiras infantís, mentres que o domingo 19 desenvolveranse as catro modalidades competitivas —maratón, media maratón, 10 quilómetros e relevos—, asegurando unha experiencia completa e integradora do entorno natural e urbano de Viveiro.