Viveiro acende o Nadal coa inauguración do Belén xigante “Viveiro ante o Berce”

AMariñaXa
O acendido das luces, a apertura oficial da mostra e unha chocolatada popular darán inicio este venres a unha das tradicións máis emblemáticas da Mariña
viveiro-ante-o-berce-nadal-belen
3 Dec 2025

O Concello de Viveiro estreará este venres, 5 de decembro, unha nova edición do Belén xigante “Viveiro ante o Berce”, unha das propostas máis recoñecibles e visitadas da programación de Nadal na comarca. A celebración arrancará ás 18.30 horas coa posta en marcha do alumado festivo na Praza Maior, que un ano máis encherá de luz o centro da cidade. Media hora despois, ás 19.00 horas, terá lugar a inauguración oficial do Belén no adro de Santa María. Para completar a tarde, arredor das 19.30 horas, a veciñanza poderá gozar dunha chocolatada na Praza Maior.

O Belén destaca polas súas figuras a tamaño natural, que reproducen pasaxes fundamentais da tradición cristiá, como o Nacemento, a Anunciación aos Pastores, a Anunciación á Virxe, a chegada dos Reis Magos, a Matanza dos Inocentes ou a sala do trono de Herodes. Cada escena inclúe un atril cun libro do Novo Testamento aberto no capítulo correspondente, permitindo que o público contextualice o relato representado.

A montaxe instálase nos arredores da igrexa de Santa María e complétase cun mercado ambientado na vida do Oriente da época, no que se recrean oficios tradicionais como ferreiros, canteiros, viticultores, panadeiros, mariñeiros, carpinteiros de ribeira, vidreiros, lavandeiras ou un secadoiro de bacallau. Xunto a estes elementos destacan figuras fundamentais como os Reis Magos, a Sagrada Familia ou Herodes. A mostra vai medrando cada ano con novas escenas e detalles artesanais, o que a converte nun atractivo único do Nadal viveirense.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, puxo en valor a dimensión cultural e emocional desta proposta: “‘Viveiro ante o Berce’ é unha tradición que une xeracións e que representa o agarimo coa que a nosa cidade celebra o Nadal. É unha forma de preservar a memoria colectiva, atraer visitantes e compartir un espazo que simboliza convivencia, cultura e identidade”, afirmou.

belen-viviente-viveiro-instalacion-2022-1
⚙ Configurar cookies
0.076953887939453