Viveiro acelera a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro mércores, 15 de xullo, un pleno extraordinario no que se someterá a votación a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), despois de completar os informes preceptivos necesarios para continuar coa súa tramitación.
O anuncio foi realizado pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, nunha comparecencia na que estivo acompañada polo tenente de alcaldesa, Martín Vale, e polos concelleiros de Por Viveiro Bernardo Fraga e Manuel Galdo.
A rexedora explicou que o PXOM foi unha prioridade para o Goberno municipal desde o comezo do mandato e indicou que toda a documentación xa foi posta a disposición dos grupos municipais para que poidan analizala antes da sesión plenaria.
Segundo destacou, nos últimos meses intensificouse o traballo para desbloquear un documento de elevada complexidade técnica e administrativa. Neste proceso mantivéronse reunións con distintas consellerías, encontros de coordinación entre técnicos da Xunta e do Concello e contactos co equipo redactor do plan co obxectivo de resolver os requirimentos pendentes, identificar posibles atrancos e completar a documentación necesaria.
“Desde o primeiro momento tivemos claro que Viveiro necesitaba avanzar na aprobación dun novo instrumento de planificación urbanística que permitise ordenar o territorio e sentar as bases do desenvolvemento económico e do futuro do municipio”, afirmou Gueimunde.
A alcaldesa agradeceu o labor desenvolvido polos técnicos municipais, polo equipo redactor e por todas as persoas que participaron na tramitación do documento, ao tempo que destacou a importancia da colaboración entre as distintas partes para chegar á fase actual.
Tamén explicou que o Concello reforzou a tramitación cando foi necesario, entre outras medidas coa contratación de apoio xurídico externo para completar o informe preceptivo que permitise elevar o PXOM ao pleno.
Mariña Gueimunde definiu a aprobación provisional como “un paso decisivo” para dotar Viveiro dunha ferramenta urbanística actualizada que permita ordenar o crecemento do municipio con criterios de sustentabilidade, equilibrio e respecto polo patrimonio natural, a paisaxe e a identidade local.
A rexedora incidiu ademais en que o plan ofrecerá maior seguridade xurídica á veciñanza, ás empresas e ás persoas interesadas en investir no municipio. “É unha ferramenta esencial para impulsar o desenvolvemento económico, facilitar novos proxectos, xerar oportunidades e contribuír a fixar poboación”, sinalou.
Pola súa banda, o concelleiro de Por Viveiro Bernardo Fraga cualificou este momento de “histórico” e lembrou que o municipio leva desde 2006 condicionado por unha normativa provisional que, ao seu xuízo, supuxo “un lastre” para o seu desenvolvemento.
Fraga agradeceu ao equipo de goberno o cumprimento deste compromiso e destacou a implicación de Mariña Gueimunde e Martín Vale na tramitación do documento. Segundo indicou, a aprobación provisional do PXOM era unha das prioridades marcadas polo seu grupo e representa unha oportunidade para iniciar unha nova etapa no desenvolvemento urbanístico de Viveiro.
O edil explicou tamén que nesta fase non se modificou o modelo urbanístico do plan para evitar cambios substanciais que obrigasen a reiniciar parte da tramitación. Segundo detallou, o documento aposta por un crecemento ordenado e sostible, pola rehabilitación, pola mellora da ordenación urbana e pola ampliación das zonas edificables en núcleos rurais e en ámbitos como Covas, Celeiro ou Xunqueira.
Unha vez obtida a aprobación provisional no pleno, o PXOM será remitido á Xunta de Galicia para continuar coa súa tramitación de cara á aprobación definitiva. O Concello confía en que este avance permita deixar atrás anos de provisionalidade urbanística e abrir unha nova etapa para o municipio.
O PSOE CELEBRA OS AVANCES PERO CRITICA A “FALTA DE TRANSPARENCIA” DO GOBERNO DO PP
Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista de Viveiro valorou positivamente que PXOM continúe avanzando na súa tramitación e poida chegar nas próximas datas á súa aprobación provisional, pero critican a “falta de transparencia” do actual goberno municipal, formado polo PP e Por Viveiro, durante este proceso.
Os socialistas consideran que a aprobación do PXOM supón unha boa noticia para o municipio, que leva máis de vinte anos á espera dun instrumento de planificación urbanística que consideran fundamental para o seu desenvolvemento.
Con todo, matizan que o documento que agora chega á fase de aprobación provisional non é un novo expediente, senón o mesmo que, segundo sosteñen, foi iniciado e impulsado polo anterior goberno socialista, coa mesma empresa redactora e seguindo a mesma tramitación técnica e administrativa.
Desde o PSOE afirman que o traballo desenvolvido durante os últimos anos permitiu responder aos requirimentos formulados polas distintas administracións ata deixar o expediente preparado para afrontar esta nova fase.
A formación considera “cando menos sorprendente” que o actual executivo presente como un logro propio a continuidade dun expediente que, lembran, fora cuestionado durante o anterior mandato.
Os socialistas sosteñen tamén que unha parte importante do atraso acumulado polo PXOM estivo motivada pola demora na emisión de informes por parte de diferentes organismos da Xunta de Galicia. En concreto, sinalan a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio, que, segundo indican, mantiveron o expediente durante arredor de tres anos sen emitir resposta, malia os sucesivos escritos remitidos polo Concello para reclamar a súa resolución.
Neste sentido, lembran que a exalcaldesa María Loureiro chegou a trasladarlle persoalmente esta situación ao daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reclamar o desbloqueo da tramitación.
O PSOE destaca tamén que durante os gobernos socialistas o PXOM foi abordado como unha cuestión de cidade e lembra que entre 2019 e 2024 se celebraron doce reunións da Comisión Especial do PXOM e de voceiros para informar da evolución do expediente: unha en 2019, dúas en 2020, dúas en 2021, dúas en 2022 e cinco ao longo de 2024, sendo a última o 25 de novembro, antes da moción de censura.
Segundo a formación, esas reunións permitían compartir información con todos os grupos municipais porque entendían que un documento desta relevancia debía tramitarse desde o consenso, a participación e a máxima transparencia.
Os socialistas lamentan que desde a chegada do novo goberno só se convocase unha reunión informativa coa oposición sobre o PXOM durante 2025 e ningunha en 2026. Engaden que solicitaron en varias ocasións a convocatoria da Comisión Especial para coñecer o estado da tramitación, pero aseguran que non obtiveron resposta.
Neste contexto, critican que a Comisión Especial do PXOM se convocase para o 10 de xullo e que poucos días despois estea previsto un pleno extraordinario para aprobar provisionalmente o documento.
Ao seu xuízo, este procedemento non permite unha análise adecuada dun expediente que inclúe miles de páxinas, informes técnicos, alegacións e documentación urbanística. Por este motivo, consideran que antes da convocatoria da comisión e do pleno debería terse celebrado unha reunión previa de traballo para estudar a documentación, resolver dúbidas e favorecer o consenso entre as distintas forzas políticas.
O PSOE de Viveiro asegura que estudará con detalle toda a documentación que reciba e afirma que actuará “con responsabilidade institucional”, defendendo o que considere máis beneficioso para o interese xeral do municipio.
A formación conclúe que o obxectivo debe ser aprobar un PXOM “con todas as garantías, coa máxima transparencia e co maior consenso posible entre todas as forzas políticas e a veciñanza”, e non converter a súa tramitación nunha cuestión de confrontación política.