Vista Alegre acolle o Trofeo Burela Turismo de Galicia co regreso do equipo feminino á súa afección

O pavillón de Vista Alegre converterase este xoves, 28 de agosto, no epicentro do fútbol sala feminino coa disputa do Trofeo Burela Turismo de Galicia. A partir das 20.00 horas, o Burela Fútbol Sala feminino estrearase diante da súa afección nun encontro que o medirá ao 5 Coruña FS, servindo como carta de presentación antes do inicio ligueiro previsto para o 6 de setembro.
O partido chega co apoio da Xunta de Galicia, que patrocina en exclusiva esta cita deportiva a través da Axencia de Turismo cunha achega de 20.000 euros. A entrada será gratuíta, permitindo que a afección laranxa volva gozar dun dos referentes máis importantes do deporte galego.
Na presentación oficial do trofeo, celebrada no porto de Burela, participaron o delegado territorial da Xunta, Javier Arias; o presidente do club, José Luis Sáez; a adestradora do primeiro equipo, Belén Feal; e varias xogadoras da plantilla.
Arias destacou que esta iniciativa reforza o compromiso da Administración autonómica co deporte de alto nivel, lembrando que o Burela FS é “un club que fixo historia, levando o fútbol sala feminino á elite con numerosos títulos nacionais e internacionais”. Engadiu tamén que a entidade mariñá é “un motor social e económico para toda a comarca, ademais dun exemplo de igualdade e promoción do deporte de base”.
Con este trofeo, o club reafirma o seu papel de embaixador deportivo e cultural, proxectando o nome de Burela e da Mariña máis alá das súas fronteiras.