Vinte persoas fórmanse en xardinería no obradoiro de emprego de Cervo, Burela e Xove

AMariñaXa
O programa 'Sendas de Burela, Cervo e Xove XII' desenvolverase durante nove meses e combinará formación teórica con traballos de mellora e conservación de espazos públicos
obradoiro-de-emprego-de-Cervo,-Burela-e-Xove
16 Oct 2026

A formación en xardinería e a mellora das zonas verdes municipais serán os eixes do Obradoiro de Emprego 'Sendas de Burela, Cervo e Xove XII', presentado na Casa do Mar de San Cibrao. A iniciativa permitirá que vinte persoas dos tres municipios adquiran coñecementos e experiencia práctica durante nove meses, ao tempo que participan en actuacións de conservación e acondicionamento de espazos públicos.

O alumnado estará distribuído entre os concellos de Burela, Cervo e Xove, con sete participantes de Burela, sete de Cervo e seis de Xove. Durante o programa, combinará a aprendizaxe teórica coa realización de traballos prácticos de xardinería, orientados á mellora e posta en valor das contornas municipais.

Na presentación participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a directora territorial da Consellería de Emprego, Carmén José López; Dolores Meitín, en representación do Concello de Xove; Ramiro Fernández, do Concello de Burela, e o director do obradoiro, Óscar Bello. Tamén asistiron as persoas seleccionadas para participar na iniciativa e os monitores encargados da formación.

Formación e experiencia para acceder ao mercado laboral

Durante o acto, García Caramés deu a benvida ao alumnado e animouno a aproveitar a oportunidade para mellorar a súa preparación profesional. "Comezades unha etapa na que ides adquirir coñecementos, experiencia práctica e ferramentas que poden abrirvos novas portas no mercado laboral. O meu consello é que aproveitedes cada xornada, que aprendades dos profesionais que vos van acompañar e que vexades este obradoiro como un punto de partida para seguir medrando profesionalmente", sinalou.

A rexedora destacou tamén a dobre finalidade dos obradoiros de emprego, que permiten mellorar a cualificación das persoas participantes e, ao mesmo tempo, desenvolver actuacións beneficiosas para a veciñanza. Neste sentido, subliñou que os traballos realizados durante a formación terán unha repercusión directa nos tres municipios, coa recuperación e o coidado de espazos públicos.

García Caramés puxo en valor, ademais, a colaboración entre administracións para impulsar este tipo de programas e salientou o papel da Xunta de Galicia no seu financiamento e desenvolvemento. Segundo indicou, a cooperación institucional permite ofrecer oportunidades de formación e inserción laboral e atender as necesidades dos municipios.

O obradoiro 'Sendas de Burela, Cervo e Xove XII' forma parte das iniciativas de formación para o emprego e busca facilitar a adquisición de competencias profesionais nun sector con posibilidades de desenvolvemento, mentres contribúe ao mantemento e á mellora das zonas verdes e doutros espazos públicos dos tres concellos.

0.15238904953003