Vilou Beer regresa ao Cantón de Vilanova de Lourenzá cunha tarde de música, gastronomía e cervexa

O Cantón de Vilanova de Lourenzá será o escenario o vindeiro venres 31 de xullo dunha nova edición do Vilou Beer, unha cita de carácter festivo organizada pola asociación Conde Santo que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor da música, a gastronomía e a cultura cervexeira.
O evento dará comezo ás 19:30 horas e contará cun amplo programa de actividades pensado para todas as idades. A animación musical correrá a cargo da Charanga A Bicoia e do DJ Dani Rego, que serán os encargados de poñer ritmo a unha xornada que xa se consolidou dentro da programación estival de Lourenzá.
Durante a celebración terá lugar tamén a presentación oficial do cartel das Festas do Conde Santo 2026, un dos momentos máis esperados da tarde e que servirá como adianto dunha das grandes citas festivas do municipio.
No apartado gastronómico, as persoas asistentes poderán desfrutar de diferentes propostas como churrasco, panceta, bolos preñados e cervexas internacionais, nunha oferta pensada para acompañar o ambiente festivo. Ademais, a organización preparou xogos cervexeiros e colchonetas para completar unha xornada de lecer para o público familiar.
Desde a asociación Conde Santo animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao Cantón e participar nunha actividade que, segundo destacan, xa forma parte do calendario do verán laurentino.