Villaverde destaca en Burela a innovación como motor do futuro do sector pesqueiro

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este martes na Xornada de Innovación na Pesca organizada pola OPP-7 de Burela, onde puxo en valor o papel da tecnoloxía e da transformación dixital para garantir a competitividade e o futuro do complexo mar-industria galego.
Durante a súa intervención, Villaverde asegurou que o sector pesqueiro atravesa un proceso de modernización no que a innovación resulta imprescindible para avanzar cara a unha actividade máis eficiente, sostible e preparada para afrontar os retos dos próximos anos. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de acompañar aos profesionais nesta transición.
Entre os principais desafíos, a titular de Mar sinalou a necesidade de mellorar a eficiencia operativa da frota, reforzar o control e a trazabilidade das capturas, optimizar a xestión dos recursos pesqueiros, avanzar na transición enerxética e na descarbonización das embarcacións, así como modernizar as infraestruturas e os sistemas de traballo.
A conselleira destacou que estes avances tamén contribuirán a facer máis atractivas as profesións vinculadas ao mar para as novas xeracións, favorecendo así a incorporación de mozos e mozas ao sector e garantindo a súa continuidade.
Villaverde tamén puxo o foco na capacidade innovadora das empresas galegas, que xa desenvolven solucións tecnolóxicas aplicadas á pesca. Neste contexto, animou á frota a continuar incorporando estas ferramentas para adaptarse con maior rapidez aos cambios que afronta a actividade.
Durante a xornada, a representante autonómica apelou á colaboración entre administracións para impulsar esta transformación, reclamando un maior apoio financeiro e unha redución das cargas burocráticas. Ao mesmo tempo, instou á Comisión Europea a impulsar unha reforma da Política Pesqueira Común que permita equilibrar os intereses ambientais, económicos e sociais do sector.
Neste ámbito, lembrou tamén o manifesto aprobado no Grupo de Traballo de Pesca da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas Europeas, presidida actualmente por Galicia, no que se solicita substituír o actual enfoque sancionador da obriga de desembarque por un modelo baseado na prevención, na selectividade das artes e no respaldo da innovación científica.
Finalmente, Villaverde insistiu na importancia de que o próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea manteña un fondo específico para apoiar á pesca e á acuicultura, similar ao actual FEMPA, co fin de garantir os recursos necesarios para seguir impulsando a modernización do sector.