Villares defende en Celeiro a transparencia na negociación das cotas co Reino Unido

AMariñaXa
Así o manifestou na inauguración das 'XXVIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro'
20241121-Villares-Celeiro-1
21 Nov 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defende unha maior axilidade e transparencia na negociación das cotas co Reino Unido, debido á importancia que ten o caladoiro do Gran Sol para a frota galega.

O responsable autonómico, tal e como manifestou na inauguración das 'XXVIII Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro', que se celebran ata o sábado en Viveiro, tamén advertiu que a demanda do Goberno galego é contar cunha avaliación do stock do xurelo e da xarda específica no conxunto das zonas pesqueiras 9A e 8C, e que poden non estar afectadas polos indicadores na actual análise. Neste senso, sinala que o modelo actual de negociación para as augas do norte resulta prexudicial para Galicia ao comprender zonas CIEM (Consello Internacional para  a Explotación do Mar) demasiado amplas e que están afectadas pola sobre explotación de países do norte de Europa de grande peláxicos. Por este motivo, considera preciso corrixir o rumbo a aqueles Estados que non colaboren no establecemento de TAC estables e sostibles.

Xunto a esta cuestión de gran galado, sitúa a reforma da Política Pesqueira Común como un desafío inmediato, xa que para a comunidade autónoma é fundamental abordar os retos que establece o Pacto Verde Europeo para alcanzar unha pesca sostible, equitativa e acorde co crecemento azul europeo. Trátase de que os recursos pesqueiros sexan máis abundantes para lograr niveis máximos sostibles de produción e garantir a seguridade alimentaria e os beneficios socioeconómicos para as comunidades costeiras.

Deste xeito, e no eido no level playing field, Villares avoga por un mercado mundial e europeo xusto, de forma que, por exemplo, só se comercialicen produtos de terceiros países que cumpran con normas mínimas. Así, e en consonancia coas políticas europeas, que buscan crear sistemas alimenticios sostibles e xustos, considera prioritario impulsar medidas que deriven no aumento do consumo dos produtos do mar. Por este motivo, o conselleiro lamentou que o Goberno central continúe sen baixar o IVE, a pesares de ser esta unha medida avalada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, as universidades galegas, as institucións comunitarias e incluso por países que xa o aplicaron como Portugal.

O obxectivo é, segundo detallou o responsable autonómico, combinar a sostibilidade co crecemento económico como así reflicte na Estratexia da Economía Azul de Galicia aprobada este mesmo mes polo Goberno galego, e que pretende converter á comunidade autónoma nun referente internacional dende un enfoque de protección, conservación e recuperación do medio mariño e da biodiversidade.

AS XORNADAS

O titular de Mar, e en relación a outra das temáticas das xornadas, defendeu o mantemento da bonificación do gasóleo de frota cuxa proposta de retirada foi anunciada recentemente polo comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, xa que é vital para máis de 4.000 barcos galegos, e implica a exención total do beneficio fiscal sobre hidrocarburos. É por iso que a proposta de Galicia é solicitar que as medidas a prol da descarbonización do sector se realicen pensando na súa realidade, avaladas por estudos, de xeito progresivo e con apoios para non lastrar a súa actividade.

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, destacou “a capacidade do Porto de Celeiro para facer fronte aos problemas do sector pesqueiro e adaptarse aos cambios, para estar sempre á vangarda en cuestións claves como a aposta polo I+D e o uso das novas tecnoloxías”.

“Uns días para o diálogo, o debate e a reivindicación. Viveiro e Celeiro son sinónimos de pesca, un sector fundamental na economía local e da Mariña, de milleiros de familias que viven do mar”, engadiu a alcaldesa.

 

 

 

0.16180801391602