Vilaronte prepara unha nova edición da Feira da Espiñeira con protagonismo para o mundo do cabalo

Foz
AMariñaXa
O evento celebrarase o 21 de xuño en Foz cun programa que combinará competicións ecuestres, ambiente festivo e actividades para público familiar
Feira-de-Gando-Foz-2026
20 Jun 2026

A parroquia de Vilaronte, en Foz, volverá converterse nun referente para os afeccionados ao sector ecuestre coa celebración da Feira de Gando da Espiñeira 2026, prevista para o vindeiro 21 de xuño. A cita reunirá durante toda a xornada criadores, xinetes e visitantes arredor dunha programación centrada na tradición cabalar e na dinamización do rural.

A iniciativa está promovida polo Concello de Foz e contará coa colaboración de Flor do Toxo Rutas a Cabalo. O obxectivo pasa por consolidar unha feira que nos últimos anos foi gañando presenza dentro do calendario ecuestre da Mariña lucense.

As actividades arrancarán ás dez da mañá coa apertura do recinto feiral. Unha hora máis tarde realizarase a medición dos cabalos participantes, mentres que as carreiras e probas de andadura se desenvolverán pola tarde, a partir das 17.00 horas.

O programa incluirá competicións de andadura serrada e chapeada, divididas segundo a altura dos exemplares. Os participantes competirán por diferentes premios económicos e trofeos destinados aos mellores clasificados de cada categoría.

A organización tamén recoñecerá outras modalidades vinculadas ao mundo ecuestre e gandeiro, entregando premios especiais a exemplares como cabalos de tiro, PRE, PRA, anglo árabes, ademais de burros e mulas. A feira contará igualmente cun apartado reservado para menores de 16 anos, co propósito de fomentar a participación da mocidade neste tipo de actividades.

Ao longo da xornada desenvolveranse tamén propostas complementarias pensadas para o público asistente, entre elas paseos a cabalo e unha ximkana. A partir do mediodía haberá sesión vermú amenizada con música e servizo de pulpería, reforzando o ambiente festivo do encontro.

Desde a organización lembran que o gando deberá cumprir toda a normativa sanitaria e de identificación correspondente, incluíndo seguro de responsabilidade civil, código REGA e microchip. O uso de casco será obrigatorio durante as probas na pista.

A previsión é que a feira reúna unha ampla participación tanto de profesionais do sector como de público chegado doutros puntos da comarca e da provincia.

PROGRAMA

0.120845079422