Vilanova de Lourenzá acollerá numerosas actividades ata o día 17 polo Día das Letras Galegas

AMariñaXa
Vilanova de Lourenzá acollerá numerosas actividades ata o día 17 deste mes para conmemorar o Día das Letras Galegas
concello de lourenza
4 May 2023

Vilanova de Lourenzá acollerá numerosas actividades ata o día 17 deste mes para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado ao laurentino Francisco Fernández del Riego. Este programa de actos está organizado polo Concello e a Mesa Coordinadora Don Paco.

Este venres, día 5, terá lugar a entrega ao colexio Juan Rey do primeiro premio do concurso de carteis convocado pola Secretaria Xeral de Política Lingüística.

O sábado 6 presentarase o libro Francisco Fernández del Riego, lembranzas e reflexións, escrito por Héitor Mera, José Luis Abalo e Xan Leira. Será no centro social de San Xurxo ás 19.00 horas.

Para o día 7, domingo, está programada a andaina Cosme Barreiros-Salvador Lorenzana. A saída será desde Vilamartín Grande ás 10.00 horas e a recepción no Concello de Lourenzá está prevista para as 12 do mediodía.

O mércores 10 inaugurarase unha exposición patrocinada pola Xunta de Galicia. O acto será no Museo de Arte Sacra ás 19.00 horas.

O día 11, xoves, ás 20.00 horas no salón de actos do Concello presentarase o libro Lume aceso, de Manuel Román Ramos e Xosé López González.

Para o venres 12 a partir das 10.00 horas está programado o Correlingua da Mariña, que se desenvolverá polas rúas de Vilanova.

E o 17, Día das Letras Galegas, haberá varias actividades: ás 11 da mañá na Praza do Conde Santo terá lugar o acto institucional da Xunta de Galicia; ás 12:30 horas no Multiusos Ponte de Cuñas celebrarase unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega; e ás 15.00 horas empezará no Campo do Mosteiro unha comida homenaxe a Francisco Fernández del Riego e ás Letras Galegas. Ademais durante todo o día haberá actuacións musicais que correrán a cargo de grupos como a asociación Osorio Gutiérrez, a Banda de Música de Lourenzá, o coro Mestre Pacheco, Treixadura e Souto Xímaro.

actividades letras galegas lourenza 2023
0.16497492790222