Vilamartín Pequeno prepara dúas xornadas de festa con música, gastronomía e tradición popular

Vilamartín Pequeno, no concello de Barreiros, xa conta os días para vivir unha nova edición das súas festas na honra de San Xoán Degolado, unha cita que volverá converter a localidade nun punto de encontro para centos de persoas atraídas pola música, a gastronomía e o ambiente festivo.
A programación desenvolverase ao longo dos días 19 e 20 de xuño e combinará actividades tradicionais con propostas pensadas para todos os públicos. Un dos pratos fortes será a V Festa do Requesón, que continúa consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario festivo da zona.
Os festexos arrancarán o venres pola noite cunha gran verbena que reunirá sobre o escenario ás formacións Los Satélites e Beatriz, encargadas de abrir un intenso programa musical.
Xa o sábado, a xornada comezará coa misa solemne e a posterior procesión na honra de San Xoán Degolado. A continuación celebrarase a sesión vermú, amenizada pola Asociación Cultural Ledicia de Burela e polo Grupo Master.
O campo da festa acollerá despois un xantar popular que servirá de punto de encontro para veciños e visitantes antes dunha tarde marcada pola celebración da Festa do Requesón, unha iniciativa que ano tras ano gaña participación e protagonismo.
A partir das nove da noite terá lugar unha churrascada gratuíta na que se repartirán churrasco, panceta e chourizos de porco celta, unha proposta pensada para fomentar a convivencia e a participación de todos os asistentes.
A música volverá ser protagonista na recta final da celebración cunha nova verbena amenizada polo Grupo Master e pola Charanga LouBand.
Desde a organización destacan que o recinto contará cunha ampla zona de aparcamento gratuíto, atraccións para os máis pequenos e unha carpa que permitirá desenvolver as actividades con independencia das condicións meteorolóxicas.