Vilaformán revive a súa memoria colectiva cunha nova edición do Veiguelleo

AMariñaXa
O programa combina talleres de dixitalización, creación audiovisual e unha xornada festiva con música, churrasco e proxeccións
TRABADA-actividades-Veiguello-2025
Foto recurso
4 Aug 2025

A parroquia de Vilaformán, no concello de Trabada, acolle dende este luns unha nova edición do Veiguelleo, unha proposta cultural que mestura tradición, tecnoloxía e participación veciñal. Organizado pola Asociación Cultural O Veiguello coa colaboración do Concello de Trabada, o evento volve celebrarse tras o éxito acadado o ano pasado, converténdose nun referente de dinamización rural e creatividade comunitaria.

O programa estrutúrase arredor de dúas citas principais, con actividades que se desenvolverán ao longo de toda a semana. Este luns 4 de agosto, a partir das 17:00 horas, terá lugar o obradoiro Memoráreo, un taller centrado na dixitalización e restauración de fotografías antigas mediante ferramentas de intelixencia artificial, así como na edición de audio. As persoas participantes están convidadas a achegar as súas imaxes familiares para recuperalas e poñelas en valor.

Paralelamente, desde o luns ata o xoves, terá lugar o Creadoiro Cine do Eo, unha iniciativa de creación audiovisual na que participarán veciños e veciñas da zona xunto a artistas convidados e recoñecidos cineastas como Alfonso Zarauza, Ledicia Sola e Miguel de Lira. Ao longo destes días gravaranse diferentes curtametraxes que recollen historias locais e fomentan a expresión artística colectiva.

O xoves 7 de agosto, a partir das 20:00 horas, o Teleclub de Vilaformán converterase no epicentro dunha xornada festiva de clausura, onde se proxectarán os traballos realizados durante a semana: tanto as fotos recuperadas no taller como as curtas creadas no Creadoiro. A programación complétase cunha sesión musical en directo, churrasco para todos os asistentes e un espazo de convivencia no que se anima á xente a traer algo para compartir no picoteo.

O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou o compromiso do goberno local co apoio ao tecido asociativo do municipio: “Colaboramos con todas aquelas entidades que, como O Veiguello, promoven actividades culturais, deportivas ou festivas que enriquecen a vida das nosas parroquias e fortalecen o sentido de comunidade”.

Desde o Concello e a organización animan a toda a veciñanza a participar nun programa que busca preservar a memoria colectiva, impulsar a creatividade rural e promover a interacción entre xeracións. Toda a información está dispoñible nos medios habituais de difusión municipal.

⚙ Configurar cookies
0.30928301811218