Vidal, en Trabada, estrea un novo espazo público coincidindo coas Festas de San Bartolomé

AMariñaXa
A zona acondicionada poderá empregarse como aparcadoiro durante os eventos e acoller outras actividades da parroquia
trabada-festas-San-Bartolomé-estreando-un-novo-espazo-2026
20 Aug 2026

A parroquia de Vidal, en Trabada, conta desde agora cun novo espazo acondicionado para uso da veciñanza, froito da colaboración entre os propios residentes, o Concello e o equipo de limpeza da Deputación de Lugo. A actuación permite recuperar unha zona que poderá destinarse a diferentes necesidades e iniciativas que se desenvolvan na localidade.

Entre os principais usos previstos atópase o de aparcadoiro durante a celebración de festas e outros eventos, aínda que o espazo tamén quedará dispoñible para acoller futuras actividades da parroquia.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a implicación veciñal para sacar adiante os traballos e agradeceu especialmente a colaboración de Iago e Enrique, ademais do labor realizado polo persoal municipal e polo equipo de limpeza da institución provincial.

"Este novo espazo é un exemplo do que podemos conseguir cando existe colaboración entre a veciñanza e as administracións", sinalou o rexedor, quen incidiu en que a zona recuperada será de utilidade tanto durante as festas como noutras propostas que se organicen en Vidal.

San Bartolomé celébrase este sábado

A posta a disposición do novo espazo coincide coa celebración das Festas de San Bartolomé, que terán lugar este sábado, 22 de agosto. A programación arrancará ás 13.00 horas coa misa solemne e continuará ás 14.00 horas cunha sesión vermú amenizada polo Grupo Antha.

A festa retomarase ás 19.30 horas cunha verbena na que actuarán o Dúo Sensaciones e novamente o Grupo Antha, encargados de poñer música á tarde-noite.

Desde o Concello de Trabada convidan tanto á veciñanza do municipio como ás persoas procedentes doutras localidades da contorna a participar nos festexos e coñecer as melloras realizadas na parroquia.

O Goberno local subliña que a cooperación entre administracións e veciñanza permite recuperar e mellorar espazos nas diferentes parroquias para destinalos ao uso da cidadanía.

0.12064719200134