Vicepresidencia da Deputación aumenta as axudas ao tecido cultural
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo incrementa ata os 380.000 euros -un 90 por cento – o orzamento destinado ás convocatorias de axudas para o tecido cultural de base.
A Xunta de Goberno provincial aprobou este venres as bases destas liñas de axuda, unha destinada á organización de actividades de dinamización cultural, cun importe de 255.000 euros, e outra dirixida a financiar investimentos en instalacións e equipamento nos seus locais sociais, de 125.000 euros.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que “con esta ampliación do orzamento, reforzamos o apoio ás asociacións culturais de base, na súa maioría colectivos pequenos que se sosteñen grazas á implicación desinteresada de persoas preocupadas pola cultural, pola lingua e o patrimonio e que cumpren un papel fundamental para garantír o acceso á actividade cultural en todo o territorio”,
A responsable provincial destacou “ estes colectivos son en moitas aldeas e parroquias rurais auténticos referentes da actividade cultural, programando actividades pero tamén impulsando estudos, investigacións e iniciativas de posta en valor do patrimonio local”.
As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia a vindeira semana, abríndose daquela o prazo para facer as solicitudes.