Vía Galega critica a falta de diálogo do Concello de Viveiro para organizar un acto de homenaxe

AMariñaXa
O colectivo asegura que leva dous meses e medio agardando por unha entrevista coa alcaldesa para abordar un acto previsto para o 21 de novembro
vista-miradoiro-san-roque-viveiro-marina
19 Aug 2026

Vía Galega da Mariña mostrou o seu malestar pola falta de resposta do Concello de Viveiro á solicitude dunha reunión coa alcaldesa, Mariña Gueimunde, para abordar a celebración dun acto de homenaxe á bandeira galega. O colectivo asegura que realizou a petición hai dous meses e medio sen que ata o momento obtivese contestación.

A iniciativa que pretende organizar Vía Galega consiste nun izado da bandeira galega o sábado 21 de novembro, coincidindo con actividades similares previstas noutros municipios de Galicia. Segundo explica a entidade, a proposta xa fora obxecto de conversas co anterior equipo de Goberno municipal antes da aprobación da moción de censura que provocou o cambio na Alcaldía.

O acto busca conmemorar o 108 aniversario da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918, un encontro que tivo unha especial relevancia no desenvolvemento do galeguismo político e cultural.

Vía Galega considera que Viveiro conta, ademais, cunha vinculación directa con este episodio histórico por ser a localidade natal dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, dúas figuras destacadas das Irmandades da Fala. Para o colectivo, esta relación converte o municipio nun lugar especialmente significativo para celebrar a homenaxe.

A entidade pretende que o izado sirva tamén para lembrar a traxectoria e o legado dos irmáns Vilar Ponte e a súa contribución á defensa da identidade e da cultura galegas.

Vía Galega da Mariña lamenta que, a poucos meses da data prevista para a celebración, non recibise resposta á súa petición de entrevista e reclama poder abrir unha vía de diálogo coa Administración municipal para concretar a iniciativa.

O colectivo asegura que mantén a súa disposición a colaborar con persoas e institucións interesadas en promover actividades relacionadas coa cultura, a identidade e a memoria histórica de Galicia, e insiste na súa vontade de chegar a un acordo que permita desenvolver o acto en Viveiro o próximo mes de novembro.

0.13118720054626