VIA Alfoz denuncia a falta de persoal no servizo de Correos que atende Alfoz e O Valadouro

A Dirección Executiva de VIA Alfoz trasladou publicamente a súa preocupación pola situación que atravesa o servizo postal que presta a oficina de Correos de Ferreira do Valadouro, da que depende o reparto no municipio de Alfoz. Segundo explican, a problemática non é recente e, lonxe de resolverse, continúa prolongándose no tempo, o que está a provocar dificultades para manter o funcionamento habitual dun servizo considerado esencial no medio rural.
A formación lembra que xa no pleno municipal celebrado no mes de xaneiro presentou unha moción en defensa do Servizo Postal Universal, iniciativa que foi aprobada por unanimidade pola corporación. Naquel momento advertiuse do risco de perda de efectivos e das consecuencias que iso podería ter nun territorio caracterizado pola dispersión da poboación e cunha elevada porcentaxe de veciñanza de idade avanzada, que en moitos casos depende deste servizo para xestións e comunicacións básicas.
Nas últimas semanas tamén transcendeu información relacionada coa posible supresión dunha praza na quenda de mañá. Tras recompilar datos sobre esta cuestión, desde VIA Alfoz sinalan que a praza coñecida internamente como “circular catro” continúa figurando dentro da estrutura organizativa do servizo, polo que administrativamente non consta como eliminada. Porén, explican que na práctica non está cuberta nin se procedeu á súa provisión efectiva, polo que todo apunta a que tampouco se prevé que se ocupe a curto prazo.
A esta situación súmase, ademais, a baixa laboral dunha das carteiras, que se prolonga desde hai arredor de catro meses sen que se teña producido a súa substitución. Isto implica que o servizo está a ser asumido por dous traballadores cando inicialmente estaba dimensionado para catro, o que, segundo indican, provoca unha importante sobrecarga de traballo e dificulta garantir o reparto en condicións normais en todas as parroquias de Alfoz e tamén no municipio veciño de O Valadouro.
Desde a Dirección Executiva de VIA Alfoz subliñan que a súa intención non é converter esta cuestión nun motivo de confrontación política. “Non estamos ante unha cuestión partidista nin ante unha oportunidade para facer propaganda. No pasado xa se realizaron anuncios e promesas que finalmente non se materializaron, e agora tampouco é o momento de utilizar este problema como ferramenta de debate político”, apuntan.
Ao seu xuízo, o que está en xogo é algo máis amplo que a organización interna dun servizo. “Falamos da garantía dun servizo público universal no medio rural, que está directamente vinculado coa cohesión territorial e coa igualdade de dereitos. Para moitas persoas maiores, o funcionamento normal de Correos resulta fundamental para acceder a determinadas prestacións ou comunicacións”, explican.
Por este motivo, a formación reitera o acordo adoptado polo pleno municipal e insta aos organismos competentes a adoptar medidas que permitan garantir a cobertura real das prazas estruturais, así como a substitución inmediata das baixas, co obxectivo de asegurar que o Servizo Postal Universal se preste con normalidade e continuidade.
Finalmente, desde VIA Alfoz tamén quixeron trasladar unha mensaxe de apoio ao persoal que actualmente está a manter o servizo. A Dirección Executiva destacou o esforzo que están a realizar os traballadores para atender o reparto postal nun contexto especialmente complexo e con recursos limitados.