VIA Alfoz acusa o PP de falta de coherencia e rigor nas súas críticas ao goberno municipal

A Dirección Executiva de VIA Alfoz trasladou o seu apoio á alcaldesa, Efigenia Maseda, e ao grupo municipal da formación tras analizar o pleno celebrado o pasado xoves 26 de novembro. A organización considera que o debate das tres mocións presentadas polo Partido Popular puxo de manifesto, ao seu xuízo, a falta de rigor, as contradicións e a desconexión coa realidade municipal da oposición.
Desde VIA Alfoz cualifican de "sorprendente" que, a poucos días das eleccións xerais, o PP presentase unhas propostas que, segundo a formación independente, evidenciaron o seu descoñecemento da xestión municipal. Durante as tres horas de sesión, a alcaldesa e os demais integrantes do goberno expuxeron datos sobre actuacións realizadas, proxectos en marcha e cuestións administrativas que consideran necesario coñecer antes de formular determinadas iniciativas.
Un dos asuntos cuestionados por VIA foi a proposta popular sobre a retribución da alcaldesa, que a formación considera populista. Segundo explica, o propio PP cualificou de "simbólico" o primeiro dos acordos incluídos na moción, mentres que os restantes facían referencia a actuacións xa realizadas ou nas que o goberno municipal está a traballar.
A formación defende a normalización das retribucións dos representantes municipais e considera que cuestionar que unha alcaldesa perciba un salario polo seu traballo e pola responsabilidade que asume supón apostar por un modelo de política local reservado a persoas con recursos económicos suficientes para prescindir dunha remuneración ou que dispoñan doutros cargos retribuídos.
Neste ámbito, VIA lembra que durante a etapa de goberno do PP nunca se chegou a aprobar unha Relación de Postos de Traballo (RPT), un instrumento que permite establecer criterios obxectivos e homoxéneos para valorar os postos e as súas retribucións. A formación destaca que foi durante as dúas lexislaturas nas que participou no goberno municipal cando se avanzou nesta cuestión: a negociación da única RPT do Concello comezou en 2018 e na actualidade estase traballando na súa actualización, coa previsión de aprobala antes de que remate o mandato.
En relación co abastecemento de auga, VIA rexeita que esta cuestión quedase relegada durante os últimos anos, como sostivo o PP nunha das súas mocións. A formación destaca os investimentos realizados nas instalacións de tratamento de Adelán e San Pedro, onde se modernizaron os sistemas de filtrado e se substituíron procedementos practicamente artesanais por sistemas actuais de tratamento e control, con medicións en tempo real.
Tamén lembra que, tras o anterior goberno popular, foi necesario construír unha nova toma de auga na captación de Arriba do Río, nas Oiras, e legalizar unha instalación que carecía de autorización administrativa. VIA considera que ampliar a rede de abastecemento e garantir que a auga que chega ás vivendas cumpra as esixencias sanitarias e administrativas son cuestións diferentes, pero igualmente necesarias.
A formación asegura compartir a necesidade de ampliar o abastecemento nas Oiras e atender as carencias de saneamento e subministración de auga no conxunto do municipio. Neste sentido, salienta o acordo plenario para instar á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia a colaborar no financiamento das actuacións, a partir dun plan de prioridades que permita identificar as necesidades, redactar os proxectos e calcular os investimentos necesarios. VIA tamén reclama que a Xunta achegue os recursos necesarios, lembrando que xa financiou anteriormente obras de saneamento noutras parroquias de Alfoz.
A toponimia foi outro dos asuntos que centrou as críticas da formación independente ao PP. VIA defende o estudo, a conservación e a recuperación dos nomes tradicionais dos lugares, coa participación da veciñanza, pero cuestiona a coherencia dos populares por reclamar agora esa implicación cidadá cando, segundo lembra, a Xunta gobernada polo PP impuxo o cambio de denominación do Concello sen consultar os veciños.
A organización asegura que mantén a mesma postura que adoptou cando o PSOE tiña maioría absoluta e decidiu deseñar a bandeira municipal sen participación veciñal. Ademais, destaca que o pleno acordou instar á Xunta a asumir os custos derivados do cambio de nome do municipio e a colaborar co Concello e coa cidadanía na recuperación e conservación da toponimia local.
VIA tamén puxo de manifesto que o goberno municipal xa mantivo unha reunión con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, para abordar cuestións relacionadas coa toponimia. A formación considera significativo que o portavoz popular amosase a súa sorpresa ao coñecer este encontro durante o pleno, xa que se trataba dun responsable do Goberno autonómico do seu propio partido.
Tras o debate, a Dirección Executiva de VIA Alfoz reclama ao PP unha oposición "informada, responsable e conectada coa realidade do concello". A formación considera que as demandas da veciñanza deben ser atendidas, pero tamén contrastadas cos datos e coas xestións realizadas polo goberno municipal. Lembra, ademais, que o labor da oposición debe desenvolverse durante os catro anos da lexislatura, asistindo aos plenos e participando nos debates, e non unicamente cando se achegan as eleccións.
A organización reafirma así o seu apoio á alcaldesa, Efigenia Maseda, e ao grupo municipal polo traballo desenvolvido durante o mandato. VIA conclúe lembrando que non concorre ás eleccións xerais nin pide o voto para ningunha formación política, e que o seu compromiso é "exclusivamente con Alfoz e coa súa veciñanza, independentemente dos calendarios electorais".