Verbenas, ofrenda floral e cantos de taberna: presentan o programa dos Remedios de Mondoñedo

AMariñaXa
Durante estas xornadas festivas, o parque da alameda acollerá unha serie de actuacións e actividades para todos os públicos
festa-os-remedios-mondoñedo
4 Sep 2024

A Comisión de Festas da Virxe dos Remedios e o cura párroco do Santuario presentaron a programación das festas patronais que se celebrarán en Mondoñedo os días 14, 15 e 16 de setembro. Durante estas xornadas festivas, o parque da alameda acollerá unha serie de actuacións e actividades para todos os públicos. O sábado 14, o Dúo Zafiro abrirá as celebracións, seguido pola actuación da orquestra Magm, considerada unha das mellores de Portugal, que tocará por primeira vez na comarca.

A noite tamén contará co evento "DJs no Camiño", patrocinado por Radio Líder e a Xunta de Galicia, así como coa XII edición de Cantos de Taberna, que xa se converteu nun clásico das festas. O domingo 15 será o día grande das festas, coa ofrenda floral presentada polo alcalde de Ortigueira. A tradicional procesión, na que a imaxe da Virxe dos Remedios será acompañada pola Banda de Gaitas de Ladrido, marcará un dos momentos máis emotivos da xornada. A animación musical correrá a cargo da orquestra Pontevedra e da comparsa XX.

As celebracións culminarán o luns 16 de setembro, festivo local coñecido como o "Luns dos Remedios". A misa da Cofradía, prevista para as 12.30 horas, será seguida pola tradicional sesión vermú co grupo Tania Veiras. A organización das festas destacou a importancia da programación infantil, que incluirá espectáculos como Mari Faltri Picadiscos, xogos populares, a festa da bicicleta e o Día do Neno, con descontos nas atraccións. Ademais, quixeron agradecer o apoio económico dos veciños e negocios locais, así como a colaboración das administracións, indispensables para manter viva esta celebración tradicional en Mondoñedo.

0.17126798629761