Vegadeo vístese de vermello coa saída da Vuelta Ciclista a España

AMariñaXa
A vila asturiana acollerá o domingo 7 de setembro a etapa 15, cunha campaña especial que dinamiza o comercio e involucra á veciñanza
La-Vuelta-Espana-2025-vegadeo
2 Sep 2025

Vegadeo converterase este domingo 7 de setembro nun dos epicentros do deporte internacional ao acoller a saída da etapa 15 da Vuelta Ciclista a España 2025. Trátase dun acontecemento histórico que situará á localidade no mapa deportivo e mediático mundial.

Co obxectivo de encher de ambiente festivo as rúas, o Concello puxo en marcha a iniciativa “Vegadeo con la Vuelta”, que conta coa colaboración do tecido comercial e da cidadanía. A campaña busca tinguir de vermello a vila e invita a veciños e visitantes a sumarse á celebración vestindo a cor que identifica a proba ciclista.

Entre as accións programadas destaca unha promoción comercial: todas aquelas persoas que realicen compras iguais ou superiores a 50 euros nos establecementos de Vegadeo, entre o 26 de agosto e o 6 de setembro, recibirán gratuitamente unha camiseta conmemorativa. Os tickets deberán presentarse na Oficina de Turismo, dentro do seu horario habitual. Non existe límite por persoa: cada compra ou suma de tíckets que alcance esa cantidade dará dereito a unha nova prenda.

O horario de entrega na Oficina de Turismo será de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; os domingos de 10:00 a 14:00, permanecendo pechada os luns. A promoción estará dispoñible ata o 6 de setembro ou ata esgotar existencias.

O alcalde de Vegadeo subliñou que “a Vuelta é moito máis ca deporte: é unha oportunidade única para proxectar a imaxe de Vegadeo, dinamizar a nosa economía local e amosar a hospitalidade da nosa xente. Queremos que todos vivan esta xornada vestidos de vermello, como símbolo de unión e entusiasmo por este gran evento”.

A celebración deste fito deportivo enmárcase na estratexia municipal de impulso ao comercio local, de atracción de visitantes e de consolidación da vila como referente na organización de grandes eventos culturais e deportivos. Para máis información sobre a campaña ou a entrega de camisetas, pódese contactar coa Oficina de Turismo de Vegadeo.

⚙ Configurar cookies
0.12873387336731