Vegadeo promove un taller de risoterapia para combater a soidade non desexada

O Concello de Vegadeo impulsa unha nova actividade de carácter social e terapéutico dentro do Plan de Promoción da Saúde: un taller de risoterapia dirixido a persoas maiores de 65 anos e a menores con algunha discapacidade. A iniciativa enmárcase no programa «Acompañad@ en tu camino - Soledad no deseada», promovido pola Consejería de Derechos Sociales y Bienestar do Principado de Asturias co obxectivo de mellorar o benestar emocional e fomentar a participación comunitaria entre a poboación máis vulnerable.
O curso, que constará de seis sesións, dará comezo o venres 7 de novembro e desenvolverase no local de Mercasa entre as 12:00 e as 13:30 horas. Dende o Concello explican que o taller pretende “crear un espazo de encontro onde a risa actúe como ferramenta de saúde, socialización e alegría compartida”. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través do Plan de Promoción da Saúde municipal, chamando aos teléfonos 985 634 022 ou 697 163 640.
Fontes municipais salientan que esta actividade busca “ofrecer momentos de desconexión e autoestima, especialmente importantes entre quen vive en situación de soidade ou precisa reforzar o contacto social”. A risoterapia, sinalan, “é unha disciplina cada vez máis valorada polos seus efectos positivos sobre o corpo e a mente, xa que reduce o estrés, favorece o sistema inmunolóxico e mellora o estado de ánimo”.
O programa conta coa colaboración do Principado de Asturias, o propio Concello de Vegadeo e as iniciativas «Ciudades amigables con las personas mayores» e «Concejos de mayores», que traballan de forma conxunta para promover o envellecemento activo e a inclusión social.
Dende o goberno local animan á veciñanza a participar neste proxecto “cheo de enerxía positiva”, recordando que “rire xuntos é unha das mellores maneiras de facer comunidade”