Vegadeo organiza un campamento de Nadal para nenos e nenas de 3 a 12 anos

O Concello de Vegadeo prepara unha nova edición do seu Campamento de Nadal, unha proposta de conciliación que ofrecerá actividades lúdicas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos durante as vacacións escolares. O programa desenvolverase nas instalacións do IES Elisa y Luis Villamil e estará organizado en dúas quendas, con horario de 9.30 a 14.30 horas.
A primeira parte terá lugar os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro, mentres que a segunda se desenvolverá o 4, 5, 7 e 8 de xaneiro. As familias poderán inscribir os menores por quendas, segundo as súas necesidades de conciliación.
O prazo para formalizar as solicitudes permanecerá aberto do 1 ao 11 de decembro, ata as 14.00 horas. A inscrición deberá realizarse a través da páxina web municipal, www.vegadeo.es. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición. No caso de que a demanda supere a oferta dispoñible, terán prioridade os menores empadroados e/ou escolarizados en Vegadeo.
A relación de persoas admitidas poderá consultarse o 15 de decembro na web do Concello. Para obter máis información, as familias poden chamar ao teléfono 985 634 022.
A iniciativa enmárcase no programa "Vegadeo Corresponsable" e busca facilitar a organización familiar durante o período non lectivo, ofrecendo ao mesmo tempo un espazo de lecer para a infancia.