Veciños de Ribadeo denuncian o abandono do patrimonio local e a falta de seguridade vial


Os veciños de Ribadeo expresaron a súa preocupación polo estado dalgúns espazos emblemáticos da vila, sinalando que a conservación do patrimonio e a seguridade cidadá parecen pasar a un segundo plano.
En particular, denuncian a situación do muro da fonte de Guimarán, situado ao inicio da estrada cara ao faro. Segundo explican, hai meses caeu o antigo muro, e as pedras retiradas xunto coa terra desprendida non foron reutilizadas para restauralo como era antes, co que se evitaban novos derrubamentos. Hoxe volve observarse un desprendemento, desta volta de terra, o que para os veciños evidencia unha falta de coidado do patrimonio histórico, paisaxístico e cultural por parte do Concello. "É así como o alcalde Dani Vega trata os nosos bens con valor histórico?", preguntan.
Ademais, criticaron a ausencia de luz nas escaleiras que conducen á Atalaya, un tramo que durante a noite se converte nun risco evidente para os cidadáns. Tamén chamaron a atención sobre o farol mal colocado na rúa Doutor Moreda, cuxa instalación resulta deficiente: non alcanzan o chan e un día de vento forte ou un percance con vehículos podería provocar un accidente.
Os veciños reclaman actuacións inmediatas para garantir a seguridade e preservar os elementos patrimoniais, lembrando que estas infraestruturas forman parte da identidade e do atractivo de Ribadeo.