Veciños de Ribadeo critican o abandono do final da avenida Rosalía de Castro

Un grupo de veciños de Ribadeo amosou nos últimos días a súa preocupación polo estado no que se atopa o final da avenida Rosalía de Castro. O que noutro tempo fora un espazo verde con céspede e coidado, denuncian, “hoxe semella unha entulleira na que se botan restos de obra e podas particulares sen que o Concello poña medidas para evitalo”.

Algúns residentes aseguran que a situación vén de lonxe, pero remarcan que iso non xustifica que continúe o abandono. “Que leve anos así non é razón para que se sigan acumulando entullos”, apuntan. A visión de montes de restos na que fora unha das entradas máis transitadas da vila provoca malestar entre a veciñanza, que demanda unha actuación inmediata.
As queixas non se limitan só a esa zona. Tamén fan referencia ao estado dunha parcela situada xunto ao almacén municipal en Vilaselán, que, segundo denuncian, se emprega coma un punto de acumulación de materiais sen orde nin aproveitamento. “Hai xardineiras que poderían reutilizarse, bancos, baldosas e moitos outros elementos tirados e esquecidos, nun abandono total”, lamentan.
A veciñanza pide ao goberno local que poña fin a esta situación, tanto por unha cuestión de imaxe como de aproveitamento dos recursos municipais. Consideran que a acumulación de escombros e materiais en bo estado é un exemplo de mala xestión e de falta de planificación.