Veciños de Ribadeo alertan da maleza nas marxes de varias estradas das parroquias

AMariñaXa
Critican que dos catro tractores rozadoiros municipais só un estea operativo e advirten do risco que o estado dos laterais das vías supón para os peóns
Ribadeo-piñeira-acceso-herbas-altas
9 Aug 2026

Veciños de Ribadeo denunciaron o estado no que se atopan as marxes de diferentes estradas das parroquias do municipio e reclaman ao Concello que intensifique os traballos de roza. Segundo aseguran, a vexetación invadiu algúns laterais das vías ata dificultar a visibilidade e reducir o espazo dispoñible para os peóns.

As críticas céntranse tamén na situación da maquinaria municipal destinada a estes labores. Os denunciantes sinalan que o Concello dispón de catro tractores rozadoiras, pero aseguran que actualmente só un estaría traballando, mentres outro se atoparía avariado e dous permanecerían parados.

Como exemplo do problema apuntan ao desvío que parte da estrada xeral en dirección a Piñeira e pasa polas proximidades do polígono industrial. Segundo explican, a maleza ocupa boa parte das marxes e nalgúns puntos chega ata a barreira metálica de seguridade, que apenas resulta visible entre a vexetación.

Os veciños sosteñen que non se trata dunha situación puntual e aseguran que hai numerosos laterais de estradas das parroquias ribadenses que presentan condicións similares. Advirten especialmente das consecuencias para as persoas que se desprazan a pé, ao considerar que a falta de limpeza pode obrigalas a achegarse máis á zona de circulación dos vehículos.

Ante esta situación, reclaman unha maior atención ao mantemento das vías e que se destinen os medios municipais dispoñibles a acelerar os desbroces durante os meses de maior crecemento da vexetación.

Os denunciantes tamén cuestionan as prioridades do Goberno local do PP e consideran que o mantemento das parroquias debería recibir unha maior atención fronte á organización e apoio doutras actividades festivas e de lecer. Por iso, piden que se actúe canto antes nas zonas máis afectadas para recuperar a visibilidade e mellorar a seguridade nas estradas.

0.12099504470825