Varios operarios retiraron a cancela de entrada á Illa Pancha

AMariñaXa

Esta mañá varios operarios municipais ribadenses, acompañados pola Policía Local e polo propio rexedor, procederon a retirar a cancela de entrada á Illa Pancha, pois según asegura o alcalde, Fernando Suárez, o acceso ao dominio público ten que estar aberto porque así o di lei e así o referendou a xustiza.

13 ene 2023

Esta mañá varios operarios municipais ribadenses, acompañados pola Policía Local e polo propio rexedor, procederon a retirar a cancela de entrada á Illa Pancha, pois según asegura o alcalde, Fernando Suárez, o acceso ao dominio público ten que estar aberto porque así o di lei e así o referendou a xustiza.

O rexedor contou que “estes feitos non son puntuais senón que se levan dando en todo este tempo dun xeito ou doutro, ben con reclamacións que recibimos no Concello de persoas que queren entrar e non poden. E un letreiro que puxo a Autoridade Portuaria hai un tempo advertindo que o paso era libre para todo o mundo non existe a día de hoxe e a Policía Local hoxe constatoume que non se podía acceder nunha hora prudente, ás dez menos vinte da mañá”.

Suárez Barcia manifestou: “entón dicir que Ribadeo non pode ser tratado así. Son uns irresponsables e desde logo a paciencia ten un límite. Non se pode privar do dominio público polo capricho dun concesionario que non cumpre coas súas obrigas, nin pola Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, que é a titular da illa, porque non está cumprindo o pactado. Todo canto diálogo, canta educación levamos posto en todo este proceso con todas as sentenzas gañadas e ao final un faise a pregunta ¿pero isto qué é? ¿onde vivimos?”.

Suárez Barcia insiste en que “o dominio público vai estar aberto porque o di a lei, non porque o diga o alcalde de Ribadeo, e porque o referendou a xustiza de maneira clara. Así que morto o can eliminouse a rabia, é dicir elimínase a porta e listo”.

O alcalde lembrou que “Intentei buscar composicións moderadas e consensuadas, pero isto non se pode permitir. Así que a partir de agora o concesionario poderá seguir cos seus quefaceres e o resto da cidadanía poderá seguir entrando como a lei manda e como a xustiza o referendou hai tempo”.