Vanse renovar as gradas do campo de fútbol da Marosa, en Burela

AMariñaXa
O VII Torneo Marosa Cup volve a Burela do 24 e 25 de xuño, reunindo a uns 60 equipos de fútbol e ao redor de mil xogadores
burela campo futbol marosa gradas
15 sep 2023

O Concello de Burela anuncia a licitación do proxecto para renovar as gradas do campo de futbol municipal, ubicado na zona deportiva A Marosa. A actuación contará cun orzamento de 413.689 euros. 

O Goberno local de Burela aumentou o orzamento adicado a esta obra con respecto ás dúas anteriores licitacións da mesma, que non lograron prosperar. A primeira, porque a empresa á que se adxudicara a actuación retirárase do proxecto, e a segunda, por quedar deserta con motivo da crise provocada pola entón recente invasión rusa de Ucraína. 

Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Obras, confía en que "se poida facer por fin esta obra, tanto pola súa importancia como polos esforzos feitos para que saia adiante polo Concello”.

Na mesma liña exprésase a alcaldesa, Carmela López, satisfeita "por un proxecto que mellorará unha instalación pública moi importante en Burela".

“Houbo que refacer o proxecto, dotámolo de máis cartos, e agora, por fin sae a licitación; agardamos que desta volta haxa empresas interesadas”, precisou. 

As gradas actuais do campo de fútbol municipal “teñen uns problemas estruturais moi graves que solventar, polo que se trata dunha obra moi importante; isto explica o esforzo económico que o concello investirá na mesma”, sinala Fernández Rey. 

O concelleiro agarda “que as novas gradas duren moitos anos máis, para que poidamos ter as instalacións que lles corresponde a un equipo como a Sociedade Deportiva Burela”. “Continúa así o esforzo en renovar instalacións deportivas que leva facendo durante todos estes anos o Concello”, engade. 

0.14436912536621