Vanessa Ares representará a Galicia no Campionato Nacional de Kickboxing
A deportista mariñá, que conseguiu o galardón autonómico o mes pasado, superou a proba de selección o domingo en Ourense.
A focense Vanessa Ares levará a bandeira da Mariña ao Campionato Nacional de Kikcboxing que se celebrará entre os días 14 e 16 de maio en Guadalaxara. A deportista, que participa na categoría de menos de 60 quilos pasou o pasado domingo as probas da xornada de selección celebrada en Ourense, de onde saíron tres representantes autonómicas que competirán a nivel estatal. Antes de isto, Ares conseguiu levarse o mes de marzo o campionato galego, un título que xa conseguira no ano 2018 e 2020.
A campioa afirma que para ela “isto é un hobbie, a min pregúntanme se vivo de isto. É moi difícil vivir do deporte e sobre todo dun deporte individual coma este”. Vanessa ata dubidou en se participar na competición este ano tan singular, “case non tivemos tempo a adestrar, non sabía se competir ou non, pero como levamos a un rapaz do club, animeime”. A boxeadora conta co incondicional apoio de Ismael Entrena, que a axuda a prepararse para os campionatos e a levar o club que fundou no seu pobo, o Ari Foz Contact, que conta con 25 licencias federadas. “Agora para os nacionais tereime que preparar con Ismael. O día antes do galego estiven arbitrando todo o día e cheguei á competición moi cansada. Aínda así foi moi ben e gañei os tres asaltos”, comenta.
Os éxitos de Vanessa Ares son moi recoñecidos na Mariña, pero sente que “teño que esforzarme o dobre para demostrar que podo facer o mesmo que un home. Este é un deporte no que hai anos non tiñan cabida as mulleres, eu tiven moitos problemas, machacáronme moito por iso e eu só estaba a facer deporte. Teño chegado a casa chorando, pero eu non tirei a toalla eu tívenme que sacrificar e senón o fixera hoxe en día non tería tres campionatos”. Malia isto, sente moito agradecemento polo Concello de Foz, “síntome moi arroupada por eles, dende a primeira vez que lles ofrecín organizar a Velada de Kickboxing, animáronme a montar o club e apoiáronme sempre en todo. Tamén foi moi importante a axuda da Federación, non teño palabras para describir como se portaron comigo”.
A focense anima a que calquera muller pode subirse a un ring, “as mulleres poden pelexar e poden facer un adestramento físico do mesmo xeito que o pode facer un home, eu animo a tódalas aquelas rapazas que que queiran facelo a que o fagan e non pensen no que dirán. Necesitamos máis igualdade e apoiarnos máis entre nós mesmas”.