Vaise arranxar a pista de pádel de Barreiros cunha achega da Deputación

AMariñaXa
O Concello de Barreiros vén de conseguir o finanzamento da área de deportes da Deputación, dirixida por Efrén Castro, para o arranxo e mellora da pista de pádel, co que se poderá proceder á súa reapertura.
pista padel san miguel de reinante Barreiros
pista padel san miguel de reinante Barreiros
29 dic 2022

O Concello de Barreiros vén de conseguir o finanzamento da área de deportes da Deputación, dirixida por Efrén Castro, para o arranxo e mellora da pista de pádel, co que se poderá proceder á súa reapertura.

O deputado provincial visitou as instalacións, xunto coa deputada Mónica Freire, acompañados da alcaldesa, Ana Ermida, e membros do goberno municipal para coñecer de primeira man a problemática das mesmas; que permanecen pechadas tras detectarse un problema estrutural que conlevou a emisión dun informe técnico no que se advertía da perigosidade do uso das mesmas.

En base a dito informe, o goberno encargou un proxecto para o seu arranxo e buscou finanzamento para poder levar a cabo ditas obras; ao tempo que inclúe outras melloras que farán as instalacións máis accesibles. A alcaldesa explica que o investimento ascenderá a 56.126,33  euros, dos que o ente provincial aportará 53.320,01 euros e o Concello de Barreiros os 2.806,32 euros restantes.

Ana Ermida sinalou que “no proxecto redactado polos servizos técnicos municipais, ademais de subsanar os defectos existentes, aprovéitase para dotala de servizos para persoas con capacidades diferentes, converténdoa así no primeiro espazo deportivo inclusivo do concello de Barreiros. Ademais, inclúense as actuacións precisas para de facilitar e modernizar a xestión do uso desta instalación deportiva, instalando un  sistema telemático de xestión de acceso que a converta en máis accesible dun xeito áxil e sinxelo para as persoas usuarias. E, por último, pero non menos importante, e en consonancia coa redución de gastos enerxéticos e a implantación do autoabastecemento que persigue o goberno municipal, proxéctanse as obras necesarias para poder acoller na instalación un sistema de placas solares que permitan o abastecemento enerxético da instalación, de xeito que nun futuro próximo poida converterse nun edificio municipal enerxeticamente sustentable.”

O concelleiro de dinamización, Dani García, encargado da área de deportes, agradeceu ao deputado a “colaboración para poder realizar este investimento nunha instalación que, tal e como se atopaba era imposible utilizar sen poñer en risco a quen a usase. Neste sentido, sinalou a importancia da contía do investimento, que supón un esforzo moi importante por poder recuperar unha instalación que inicialmente non cumpría os estándares de seguridade. O concelleiro quixo tamén recalcar a importancia da implantación do sistema de xestión de reservas mediante unha aplicación que permite ver en todo momento a ocupación da pista; realizando unha xestión da mesma de xeito transparente e que implica igualdade de oportunidade de acceso ao seu uso para toda a poboación, democratizando e popularizando, polo tanto, a práctica deportiva en dita instalación.”

Efrén Castro puxo en valor esta actuación pola ”importancia económica da mesma nun concello coma Barreiros e por compartir desde ambas administracións a importancia de o recuperar para o seu uso unha instalación deportiva municipal que permite a práctica deportiva ao aire libre nun dos núcleos do concello.”

Castro sinalou que “con estas actuacións, polo tanto, non só se recupera un espazo que permite á poboación en xeral (xa que o rango de idades nas que se realiza práctica de pádel é do máis amplo que existe) a práctica deportiva e, polo tanto, fomenta uns hábitos de vida saudables; senón que se dota a unha parroquia que carece doutras instalacións deportivas dun espazo para desfrute da mesma. E isto faise apostando pola inclusión (o que permitirá a celebración de eventos deportivos que integren á poboación en xeral con independencia das capacidades funcionais que posúan) e a redución e consumo e sustentabilidade enerxética; creando nunha parroquia de arredor de 700 habitantes un espazo deportivo moderno, sustentable e inclusivo.”

O prazo de execución da obra, segundo as previsións dos servizos técnicos que elaboraron o proxecto, estímase en nove meses desde a acta de comprobación de replanteo da obra.